Os nomes de lugar

PRÁCEME HOXE falar do nome que designa o lugar onde nacín, Berres, un topónimo que aos seus habitantes sempre nos gustou explicar como unha derivación do verbo berrar. A parroquia de Berres está situada nas terras ullás do concello da Estrada, alí onde o río fai fronteira coa provincia da Coruña para demostrar unha vez máis o carácter artificial de moitas demarcacións que sucan a nosa terra. O emprazamento da aldea explica a etimoloxía popular do seu topónimo, que os veciños atribuímos ao feito de berrar ou chamar polo barqueiro cada vez que precisabamos cruzar o río valéndonos da pequena embarcación amarrada na súa beira. Tal foi, até épocas recentes, o medio de transporte para nos comunicar co Lado d'Alá, como é coñecida a extensión que vai desde Vedra até Compostela ou Padrón.

Os habitantes de Berres rara vez quixemos facer uso do noso xentilicio, talvez por esa sabedoría popular que vela pola eufonía das linguas, e demos por bo o alcume de cordaneiros, de resonancias gremiais perdidas xa hai moito na liña do tempo. Algúns veciños coñecemos e defendemos outras explicacións, como a que vincula o topónimo coa voz vasca berra, froito dunha intuición acerca da súa posíbel natureza prerrománica, ou a que o relaciona cun xeneral galo do mesmo nome vido cando a 'francesada' —a mesma que igual inspirou tamén o Antroido da Ulla—, receitada, como menciña da alma, polo médico e humanista Manuel Reimóndez Portela. Ningunha destas razóns posúe non obstante a fermosura e a naturalidade da chamada do barqueiro nin é quen de suscitar tan pintorescas e entrañábeis evocacións. Así goberna a ciencia da etimoloxía popular, que disecciona con sutís instrumentos propios a poética da toponimia. Os nomes de lugar son chantos que nos apegan á realidade dun lugar e constitúen un vello tesouro herdado que grava en nós con palabras o feito de sermos de algures. Son un antídoto contra a desmemoria, a estranxeiría e a perda.

Se traio estas cousas á memoria fágoo tamén como antídoto, non contra o esquecemento nin a deposesión, senón contra a vergoña: a vergoña de ter que asistir unha vez máis, coma se dun espectáculo bufo se tratase, a unha cruzada fanática contra o topónimo A Coruña. Os intereses políticos na súa versión máis mesquiña —aquela que se traduce en número de votos— fan subir novos actores ao carro do antigaleguismo, do autoodio e, cómpre recordalo, da ilegalidade. A polémica retómase ademais, nesta ocasión, nun escenario contaminado pola vontade claramente desgaleguizadora de certos axentes e pola colaboración doutros en calidade de extras. Ante tanto despropósito comprázome imaxinando a imaxe do barqueiro disposto a cruzar, logo de escoitar o berro que o chama, as augas sombrizas e caudalosas do meu Ulla natal.

Comentarios