Os nenos non comen prima de risco

A DIETA básica dun de cada tres nenos en España é o variado e saboroso menú do colexio, que algúns xa nin poden pagar. Pan e mortadela, pasta e tomate frito en moitas casas. Resulta que os gobernantes se enteran agora de que a crise cébase nos máis febles. Pero iso vén sucedendo desde que o mundo é mundo. Gañan os matóns, perden os desvalidos, os ‘desechables’, os vellos, os nenos.

O revelador informe de Save the Children que vén de ser publicado en xaneiro, di que o 33,8% dos nenos españois, 2,82 millóns, afronta cada día da súa infancia sen recursos abondos para seu desenvolvemento, e que o seu benestar está en grave risco. Porque os nosos gobernantes cortan polo san e a corda rómpese sempre polo punto máis feble. Os deputados, para a súa vergonza, comen e beben mellor e máis barato que os nenos nas escolas.

Xibarízase o estado social, redúcense as axudas e castígase con dureza ás familias máis vulnerables: as de baixa educación, as dos inmigrantes, as monoparentais. Se os pais non teñen nin sequera estudos secundarios estás condenado a ser pobre: iso está a pasar en seis de cada dez nenos, o 57,6%. Unha de cada dúas familias de inmigrantes tamén está condenada, e vanse deste país. O impacto da pobreza nas familias monoparentais é do 45%. Máis datos. Da dieta básica dos nenos desfavorecidos van desaparecendo froitas e verduras. Pero as dezasete consellerías e o ministerio de sanidade falan ás familias do saudable que resulta comer catro pezas de froita cada día. Con que cartos? Para moitas familias as mazás son tan inalcanzables como os percebes.

Os dereitos humanos, os dereitos dos nenos están a seren ignorados en España, na Europa onde naceron en 1948 os primeiros e en 1959 os segundos. A que se dedican as administracións? Onde miran? Nenas e nenos volven ser invisibles para o matonismo de mercados e multinacionais que ditan a economía e controlan a política. Se a economía non axuda ás persoas, ao servizo de quen está? Medo da contestar porque sabemos a resposta. 8 de cada 10 opinan que en España as leis están feitas para os ricos, mentres que 7 de cada 10 europeos opinan o mesmo.

En España, a fenda de desigualdade medra cada día. En 2004 a desigualdade entre o 20% das rendas máis altas e o 20% das máis baixas era de 5,1 veces. Hoxe está por riba do 7,1%. A porcentaxe do PIB dedicado á protección social é 3,7 puntos máis baixo que a media europea. A distancia cos países máis ricos e sensibles é sideral. “E a min, quen me rescata?” claman os nenos. Porque resulta que despois de rescatar a bancos e caixas delincuentes, non queda nada.

A falta de comida para as máis pequenos máis semella un asasinato. Sen ela o seu futuro esmorece porque nenos e nenas non comen prima de risco.

Comentarios