Os mercados de artesanía da Pontenova e Ribadeo acollen milleiros de visitas

A Feira das Antigüidades concluíu co maior volume de xente das últimas edicións
Carpa de antigüidades na feira pontenovesa
photo_camera Carpa de antigüidades na feira pontenovesa

Os mercados de artesanía de Ribadeo e A Pontenova rexistraron numerosas visitas durante a fin de semana, en ambas as dúas localidades da Costa.

"Nunca tanta xente houbo un domingo de clausura da feira, alomenos en varios anos". Así de seguro e satisfeito confirmaba o éxito da novena edición da Feira da Artesanía e Antigüidades pontenovesa o seu principal organizador, o edil Francisco Martínez.

"Hai xente de todas partes, de toda Galicia e de Asturias, mesmo está por exemplo un concelleiro de Arteixo", precisou o alcalde e presidente da Deputación, Darío Campos, que inaugurará ademais este luns, ao mediodía, o remodelado campo de fútbol da Pontenova, cos clubes de Lugo e de Viveiro.

Precisamente, dende o campo de fútbol divísase perfectamente a Praza dos Fornos, emblemático espazo patrimonial que lembra a industria de ferro que tanta vida deu á zona durante o pasado século. Nela estaba ubicada a carpa que albergou unha trintenta de anticuarios que acudiron a esta cita. E ao seu carón, na casa municipal de cultura, estiveron outros artesáns que tamén participaron. A meirande parte deles, nomeadamente os da provincia de Lugo, saíron satisfeitos dunha edición da que o balance é "moi positivo", segundo o organizador, que prefire non falar en termos absolutos sobre o número de visitas —outros anos a cifra oscilaba entre os 5.000 e os 8.000 visitantes—.

Co xentío deste domingo, incrementáronse as ventas. "Houbo un pontevedrés, por exemplo, que lle comprou unha fonte de Sargadelos da terceira época, da serie do Castillo del Morro de La Habana, a un anticuario e logo mercou outra similar noutro expositor", matizaba un dos vendedores que calcula a compra nuns 1.400 euros en total. O propio alcalde sinalou que a el lle chamou a atención "un dormitorio de caoba completo que se exhibía na feira".

RIBADEO. Outros 25 postos de artesanía, dende embutidos de Navia de Suarna ata cervexa artesanal de Pontevedra ou marmelada de Vilar de Santos, pasando por xoiería, bisutería ou instrumentos musicais, atraen centos de visitantes, moitos deles de Asturias, ao Mercado de Nadal de Ribadeo. Os expositores dispóñense ao redor da rúa peonil de San Francisco e da igrexa e moitas das tendas da vila aproveitan a cita para abrir luns e mesmo martes á mañá.

Este luns, vaise desenvolver ás cinco e media da tarde, un obradoiro creativo no que membros da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental ensinan a deseñar unha marioneta de dedo. Despois, ás sete e media, un grupo de Zúmballe Batukada animará as rúas céntricas da vila.

Comentarios