sábado. 23.01.2021 |
El tiempo
sábado. 23.01.2021
El tiempo

A FÁBRICA DE NAVIA PASARÁ A PORDE PRODUCIR 40.000 TONELADAS MÁIS CADA ANO

"Os maiores problemas para o traballo conxunto do monte son o localismo e individualismo históricos"

Ramón Reimunde.
Ramón Reimunde.
Ramón Reimunde representa a promagal nun congreso europeo. O presidente de Productores de Madeira de Galicia (Promagal), o mariñán Ramón Reimunde, exporá nun congreso europeo do sector que se celebra en Irlanda o método de traballo nesta zona e a forma de facer rendibles as nosas plantacións, e captar ideas para aplicalas aquí

Representantes dos distintos xeitos de producir e logo operar coa madeira en boa parte dos países de Europa que son produtores destacables reúnense a vindeira semana en Waterford, Irlanda, para expoñer as súas experiencias, métodos de traballo, como se asocian, como funcionan para artellar sistemas cos que poder sacar beneficio dunhas propiedades inmensas. Por Galicia o representante será o mariñán Ramón Reimunde, presidente de Promagal, que lembra que Galicia ten moito que dicir porque por exemplo na Mariña e zona norte da Coruña «hai un millón de toneladas de madeira dispoñible. O caso é de quen son e como darlles saída».

Vai expoñer en Europa o modelo de Promagal, pero non somos aquí máis ben exemplo de individualismo pese ós esforzos do seu colectivo?

Efectivamente, temos serios problemas de invididualismo e localismo. Aquí todo o que seña colectivo é complicado de levar adiante, pero alguén tén que atopar a forma de facelo de forma exitosa. Eso significa que se beneficie moito á persoa que se asocie para que lle compense facelo. Iso sempre será mellor que o individual. Pero eso en Galicia é complicado e en cada país incluso hai que adaptalo a cada sitio e aquí somos como somos por motivos históricos, porque estamos escarmentados...

Pero materia prima para trunfar, sóbranos.

Pois mire: dous tercios do territorio están prantados, pero aínda así o pequeño o mediano produtor están abandoados sobre todo pola Administración, e iso hai que melloralo, porque en Europa son unha axuda importante, e aquí máis ben poñen atrancos. Resumindo, non sei por que, pero non damos atopado a fórmula definitiva. Nuns sitios funciona e noutros non e non sabemos ben a razón.

Como teñen agora o sector?

Agora mesmo non estamos no peor punto porque experimentamos tres concellos con Ence facer cotos redondos que, dentro do que hai, está ben: 30 euros máis iva con corteza. Parece ser que nun par de meses estaremos asentados e se funciona, a maioría de asociacións da Mariña acabarán entrando porque aquí, nos guste ou non, non temos máis opción que vender a Ence en Navia.

Non poden saír de aí?

É o que nos toca si ou si, enviar a madeira a Navia. Mentras non abran outras vías coma o dique norte de Alcoa que nos serviría para exportar con facilidade, é o que hai. Agora temos ese acordo e a ver os resultados porque pode haber deficiencias por ambas partes: que non cumpramos nós ou ó mellor eles, aínda que non debería pasar e burros seríamos, porque penso que nos beneficia a todos.

De todo isto falará en Irlanda ante xentes de toda Europa vencelladas ó mundo forestal. Como chegou vostede ata esta cita?

É unha cita que se celebra anualmente nun lugar diferente, e nesta ocasión tocou Irlanda. Como estou en Promagal, e supoño que tamén polos traballos que levo feito no eido do traballo dos montes mancomunados, como por exemplo o meu último libro, imaxino que me elexirían para expoñer o que temos aquí. Vaise falar máis do tratamento do comercio colectivo da madeira e nese senso van poñernos como exemplo. Na Universidade de Santiago, e concretamente na Escola de Montes de Lugo está a unidade de organización de montes sustentables que pertence á Atlantic European Office. Son grupos de investigadores moi cualificados e que organizan estas ponencias anuais que eu tratarei de facer en inglés..., xa veremos.

Tamén lle servirá a vostede o que poida escoitar alí.

Dende logo, teño que traelo aquí para comunicalo despois, sobre todo o que quería mencionar é que para min ten un gran valor a figura de Roque Rodríguez, investigador extraordinario que me orientou para falar no artigo das cousas máis interesantes, correxíndome tamén nalgúns casos.

É realmente Promagal un exemplo a nivel europeo de tratamento conxunto dos montes?

Unha experiencia aparentemente tan sinxela coma Promagal lévanos a que si é interesante. Temos un directivo por parroquia. Debe ser un home ou muller con experiencia, boa fama e legal. Eso lévanos a crear un núcleo para empezar a traballar, tendo xente boa detrás. No sitio no que os líderes ou diretivos non foron ben escollidos, acabouse a función. Este sistema tan básico, funciona, está demostrado. Penso que eles tomarán nota do que facemos e tamén da produción que temos aquí, que é algo incrible que non se coñece polo mundo adiante.

Vostede sempre fala de que é unha zona realmente privilexiada.

Soemos dicir que aquí hai un millón de toneladas de madeira dispoñibles por concello. Por Europa non soen ter eucalipto ou piñeiros. Teñen frondosas, así que diremos abertamente como funcionamos e como todas as asociacións fundidas en Promagal funcionan, aínda que logo vaian un pouco cada unha pola súa conta, pero si que facemos moitas cousas conxuntas. Penso que tamén é un bo xeito de que aprendan a traballar no monte co sistema de corta, algo que por certo no resto de Europa facilita directamente a Administración.

Vostede xa ten experiencia en eventos parecidos. Non chama a atención este monocultivo do eucalipto en Europa?

É un fenómeno único. En Francia teñen moito piñeiro, pero o eucalipto é específico daquí e si que lles chama moitísimo a atención.

Hai diferencias noutros ámbitos?

Desdelogo, por exemplo o método noso de funcionamento económico por medicación do que é unha cooperativa, por aí adiante non se estila. Non son cooperativas nese senso da palabra. Son outra cousa. Son asociacións de xente que traballa conxuntamente, como unha especie de lobies ou algo así, traballan xuntos no que é mellor para eles. Non ten por que ser mellor ou peor que o modelo cooperativista noso. Alí non funcionan con ese modelo pero funcionan ben. Tamén eso hai que miralo.

Pero a eles tamén lles chamará a atención o noso modelo.

Claro, ademais este tamén é un xeito de facer publicidade de Promagal, que coñezan esta opción, e seguramente acabarán coñecéndoa mellor en Irlanda que en Ribadeo, por dicir algo. A idea é aprender uns doutros, ver como se organizan eles, aínda que estea claro que hai modelos coma o de Finlandia que aquí son inaplicables, impensables de momento, pero, é importante para nós ver outras opcións.

Isto dálle a vostede un nivel de responsabilidade importante porque o sitúa case coma un embaixador dun modelo produtivo.

Eu son atrevido e xa non teño medo a estas cousas, aínda que agora ó mellor xa non o son tanto... Andar polo mundo nos barcos fíxome saber que non hai que arredrarse nin ter medo, que hai que mirar para adiante.

Por exemplo, poderá dar cifras espectaculares do movemento económico do monte galego.

Nesta zona galega da costa da Coruña e Lugo a riqueza ocupa dous tercios da superficie total cunha produción media de 300 toneladas cada 17 anos por hectárea, ou se se quere, superior a 20 toneladas por hectárea e ano. Globalmente esto repercute nun beneficio de quinientos euros ó ano por hectárea. Extrapolándoo a Galicia, producimos sete millóns de metros cúbicos, dos que por certo dous millóns fican aínda sen cortar.

"Os maiores problemas para o traballo conxunto do monte son o...
Comentarios