Os maiores de Vilalba, mozos por un día

ELP2508P8F3.JPG
photo_camera ELP2508P8F3.JPG

Un dito popular di que «ninguén é vello ata que non o é o seu espírito», e esa é unha frase que serve perfectamente para describir as sensacións vividas polas case 2.000 persoas que se achegaron ata a Xira da Terceira Idade de Vilalba durante toda a xornada de onte.

E, se ben é certo que non houbo a afluencia de público doutros anos, sobretodo daqueles nos que a Xunta corría con tódolos gastos, aínd así a comisión de festas do San Ramón amosouse bastante satisfeita co resultado xa que «o que importa non é a cantidade, senón que os que están o pasen ben», tal e como apuntou o ramista Álvaro Fraga,

A mañá comezou de forma tibia, o mesmo que o tempo, pero a medida que as condicións meteorolóxicas melloraban, para deixar un sol espléndido, tamén ía a máis o volume de maiores que se achegaba ata a explanada da Madalena, lugar onde se celebraron a maior parte das actividades da festa.

O primeiro gran acto foi a tradicional eucaristía conducida polos párrocos Uxío García Amor, novo prelado de honra da diócese, e Cristóbal Rivas, recén chegado da Xornada Mundial da Xuventude celebrada en Madrid a pasada semana. Para facer máis amena e solemne a misa, os membros da coral Luar acompañaron ós dous sacerdotes cos seus cánticos.

Ó finalizar o acto relixioso, cuxa asistencia era, por suposto, opcional, chegaron as propostas para tódolos públicos, a primeira delas unha actuación da asociación cultural Mato Vizoso, recentemente ascendida á segunda división das bandas de gaitas galegas, que deleitou ó público con varias muiñeiras e foliadas.

Tralos gaiteiros tocoulle a quenda ó grupo La Calle, encargado de amenizar a sesión vermú e tamén a sobremesa, cun listado de cancións especialmente deseñado para a xente maior, que o pasou en grande cos temas que protagonizaron a xuventude de moitos. Esta aceptación puidose comprobar notablemente en boa parte do público, que non puido resistir o poñerse a bailar.

Como respiro antes da comida, as Pandereteiras, Gaiteiras e Danzantes de Andrade -«cada vez temos o nome máis longo», dicía entre risas unha das compoñentes- ofreceron un espectáculo de música e baile que sorprendeu gratamente á maioría dos asistentes a esta xornada fraternal.

Á hora do xantar, a xente buscou preferentemente un lugar á sombra para escapar dos raios solares que estaban a pegar con forza chegado o mediodía. Entre esas zonas fresquiñas estaban as casetas de establecementos como Rochela ou Casa Maragata, aparte das mesas de merenda da área flluvial da Madalena, onde triunfaron pratos como as empanadas, o polbo, a carne ou os doces caseiros.

Trala sobremesa continuou a festa, primeiro coas agrupacións populares da vila e despois co grupo La Calle, que tocou pezas para bailar ata o final da tarde, hora na que a xente comezou a marchar para os seus lugares de orixe, máis próximos á vila ca noutras edicións, na que se achegaban autobuses desde zonas tan apartadas como Tui, Cedeira ou mesmo León.

«Agora é algo máis triste, pero é que os tempos non están para moitos gastos», comentaba, con morriña, unha das señoras que botaban de menos épocas mellores. Aínda así, e a pesar de que ese mesmo sentimento se facía notar en boa parte dos asistentes, o certo é que, polo menos, os que estiveron gozaron dunha gran festa que, polo menos por un día, lles fixo volver a súa xuventude.

Comentarios