Os lobos matan cinco ovellas e un carneiro nunha finca de Brollón

O rabaño durmía nunha parcela pechada con arame de picos no barrio de San Adrián
Estado no que quedaron os animais na finca
photo_camera Estado no que quedaron os animais na finca

Cinco ovellas e un carneiro mortos é o balance dun ataque de lobos que tivo lugar na noite do domingo ao luns no barrio de San Adrián, no concello da Pobra do Brollón.

O rabaño durmía nunha finca pechada con arame de picos ubicada a 20 metros das casas de San Adrián, xusto na saída do núcleo urbán da Pobra en dirección á parroquia de Saa.

Segundo os propietarios do gando, os lobos entraron na parcela en plena noite dende unha terra lindeira e fozaron por debaixo dos arames. Unha vez dentro mataron a todos os animais que había, as cinco ovellas e o carneiro. Os donos cren que foi un ataque en grupo pola cantidade de cabezas que mataron os lobos e porque o carneiro era un exemplar bravo, que lles tería feito fronte e que un lobo só non conseguiría matar. Ademais, as alimañas comeron gran parte dese animal.

Foi onte pola mañá cando a familia se deu conta do acontencido e avisou ao Seprona, ao peche desta edición estaba á espera de que o persoal de Medio Ambiente se acercase para retirar os animais antes de que a manada puidera volver para comer as ovellas que quedaron mortas.

Os propietarios aseguran que nunca tiveron ningún ataque similar nin tampouco hai constancia de episodios así no gando doutros veciños. Na Ribeira Sacra houbo ataques recentes en Monforte, nas parroquias de A Parte e Marcelle, no Saviñao ou en Carballedo, pero na Pobra do Brollón non trascendeu ningún nos últimos meses. Na casa dos propietarios do rabaño durmiron a noite do ataque tres personas e ningunha delas ecoitou nada que lle fixese sospeitar que algo pasaba, pese a que a parcela está a 20 metros de distancia.

Comentarios