Os límites do poder

AFIRMABA MAQUIAVELO que o ser humano non é necesariamente bo pero tampouco non é obrigatoriamente malo, o que ocorre é que a súa febleza convérteo en xoguete das súas paixóns polo que é preciso establecer medidas coercitivas que impidan a posta en risco da seguridade do Estado. Non se trata aquí de participar da obsesión de Maquiavelo pola defensa do Estado, mesmo contra dos seus habitantes, pero ter en consideración o seu diagnóstico antropolóxico pode orientar as nosas decisións como cidadáns nesta xeira histórica na que moitos de nós semellamos atordados pola vertixe dos acontecementos.

Habitamos un planeta no que o poder obtido mais ou menos democraticamente e polo tanto dotado dunha (certa) lexitimidade non é quen de levar adiante os mandatos da cidadanía porque bate coa oposición de poderes superiores aos que podemos negar toda lexitimidade para impor os seus intereses por enriba dos do conxunto da sociedade. Tanto ao longo da historia como na actualidade constatamos bloqueos, embargos, afogamento financeiro, etc. para aquelas sociedades que deciden reconstruírse de acordo con modelos que limitan a capacidade de actuación (de succión?) dos mencionados poderes. Este enfrontamento tende a desaparecer porque os poderes ilexítimos dispoñen das ferramentas mediáticas necesarias para conformar o criterio maioritario das sociedades que, naturalmente, resultará coincidente co propósito que eles perseguen. Igualmente, tenden a mediatizar as instancias de participación (nomeadamente partidos políticos) co obxecto de que os proxectos ideolóxico-políticos vaian perdendo definición de tal xeito que a (conveniente) alternancia no poder político non supoña ningunha mingua para os seus intereses. O anterior faime lembrar o texto de Bertold Bretch ‘Se os tiburóns fosen homes’ que contén unha metáfora do que acontece. En síntese, os tiburóns constrúen cidades para os peixiños, protexéndoos doutros perigos e ata proporcionándolles un certo benestar (porque «os peixes ledos son moito mais saborosos que os tristes»). E dentro desas cidades os tiburóns poñen, loxicamente, escolas para que os peixiños aprendan a nadar gozosos cara as súas fauces. A ideoloxía dominante fala de que hai que traballar duro e reclamar pouco para sacar o país adiante, ou sexa, para que alguén se forre co empobrecemento xeral.

É preciso que a cidadanía, desconfiando coma Maquiavelo da integridade moral do ser humano, tome conciencia da necesidade de impedir o desenvolvemento de poderes capaces de afogar a discrepancia para converter os seus proxectos nos únicos viables tal como nos lembran, permanentemente, dende o goberno, os seus voceiros convertidos en ministros, exministros, presidentes e expresidentes que rematan nun remunerado (traballo?) en empresas da oligarquía. A democracia non pode sobrevivir se a cidadanía no seu conxunto non é absolutamente soberana e semella que dita soberanía esixe establecer límites, fundamentalmente de tipo económico, que permitan salvagardar a liberdade humana da esmagadora desigualdade responsable de que «un home se teña que vender a outro» (lembremos a Rousseau).

Semella un obxectivo difícil, porén a historia móstranos que noutros tempos téñense acadado metas case imposibles, lembremos o absolutismo monárquico do antigo réxime e o proceso da súa desaparición cando a confluencia dos cambios económicos e sociais e das achegas de pensadores como Locke e Montesquieu (entre outros) desembocou na masa crítica que remataría por rebentalo. Este proceso histórico mostra a necesidade do pensamento a carón da realidade económica, política e social que precisa cambios importantes e inaprazables, como sucede actualmente coa urxente necesidade de limitar o poder económico, causante do decaemento da soberanía do pobo que é a única fonte lexítima de poder canto a toma de decisións de goberno. Isto teno moi claro o ministro Wert que, consciente do perigo da ruptura do pensamento único neste momento en que a maior parte da sociedade se ve proletarizada, elimina do currículo educativo boa parte da materia de Filosofía e na súa totalidade as de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos e Educación Ético-Cívica. Non se precisa moita clarividencia para entender que non interesa a formación de cidadáns responsables e polo tanto críticos, pola contra, resulta efectivo dende a óptica do poder económico a formación de traballadores e traballadoras submisos e dispostos aceptar as condicións laborais e salariais que se lles impoñan por moi indecentes que sexan.

Comentarios