Os libros do futuro

ENTRE AS fantasías futuristas da miña infancia, centradas en boa medida nun afastado ano 2000, tivo que haber algunha referida aos libros. Algo nos tiveron que contar de como iamos ler o día de mañá, cando levásemos aqueles traxes máis propios da coreografía dun grupo dos oitenta e nos alimentásemos con pílulas e tubaxes. A verdade é que non gardo ningún recordo acerca dos libros do futuro, como tampouco asocio a idea de lectura a aquelas enormes máquinas con pantalla chamadas computadoras. Contemplado desde hoxe, todo ocorreu como se, de repente e por arte de maxia, comezásemos un bo día a ler e a escribir con naturalidade nos nosos ordenadores esquecendo case o oficio de facelo á man. Con todo, unha vez instalados no confort do ‘ordenador persoal’, mal imaxinabamos que habiamos acabar lendo e escribindo en canto dispositivo nos collese no peto.

Veñen a conto estas lembranzas ao fío dunha casualidade que fixo cadrar o comezo da miña explicación nas aulas da literatura dixital co Día do Libro. Tal coincidencia, pola miña banda fortuíta, fíxome lembrar non só as controversias entre os formatos tradicionais e os tecnolóxicos, senón todas as profecías que agoiran a morte do libro en papel. Máis alá de estatísticas, viñéronme á memoria declaracións e comentarios diversos que argumentaban en favor deste aludindo ao goce sensorial de pasar as súas páxinas, ao pracer de coleccionar, ao valor en canto obxecto estético ou, as máis das veces, aos hábitos adquiridos e practicados ao longo do tempo. Nalgún caso sorprendeume escoitar estas opinións en xente nova, alfabetizada -cando menos na teoría- e apaixonada polos dispositivos. Resultoume igualmente estraño apreciar algunhas reticencias en persoas que polo seu traballo son ben coñecedoras das posibilidades que os novos formatos poden ofrecer, como tamén me chocou un certo prurito filolóxico, ou talvez bibliotecólogo que facía ver no e-book unha sorte de traizón ao libro tradicional.

Semellantes preocupacións, que nalgún caso se viron reflectidas nas viñetas aparecidas con motivo do Día do Libro, sempre me pareceron catastrofistas de máis, aínda sendo, como moitas das persoas que as formulan, amante dos libros en papel. Nin a convivencia entre os dous formatos está sentenciada de morte nin desde o punto de vista económico e sociocultural -cómpre ser neste aspecto realistas- vexo moitos indicios dunha substitución a curto ou medio prazo. Resta, onda nós, un longo traballo por facer na comercialización dos libros electrónicos para convertelos en produtos culturais antes que botíns da piatería. Con todo, a fotografía do presente ben podería ser a dunha Feira do Libro ateigada na que moitas persoas miran e mercan nas casetas levando quizais no peto o seu prezado e-book.

Comentarios