''Los libros de mi biblioteca siempre fueron mis mejores amigos''

O escritor Francisco Narla volta ás librarías con 'Ronin'. novela que vai xa pola segunda edición

1. ¿Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?

O que máis me gusta, a liberdade da folla en branco, a multitude de historias por elixir. O que menos, os prazos editoriais.

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...

O mesmiño. Son afortunado, especialmente agora que os éxitos nas librarías fixeron realidade as esperanzas que tiña depositadas na miña carreira de escritor.

3. O soño que máis se repite é...

Algún pesadelo que me ten axudado a contar as historias de terror.

4. ¿Estraña algo do que foi deixando atrás?

Aos bos amigos e a aqueles membros da familia que xa non están.

5. ¿A quen admira?

A moita xente que fai moi ben aquilo que eu non consigo facer tan ben como quixera.

6. ¿Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?

Como di o provervio, «Prefiro arrepentirme do que fixen que lamentar non telo intentado». E, como é lóxico, arrepíntome dos erros.

7. ¿Votou nas últimas eleccións?

Estaba en Moscú e non fun capaz de enviar o voto por correo.

8. ¿Atrévese a dicir a quen?

A miña intención era votar en branco.

9. ¿Que cita subscribiría?

Gústame «Fala mal o meu amigo de min, polo meu ben será».

10. ¿Que coche ten?

Os todoterreos van ben coas miñas afeccións, e conduzo un Nissan Pathfinder cheíño de lama.

11. ¿Cal foi o capricho máis caro que mercou?

Un bonsai, aínda que algunha cana de pescar pode andar cerca.

12. ¿Cal é o seu ben material máis prezado?

Os libros da miña biblioteca, os meus mellores amigos.

13. Unha toleada que fixera por amor...

Moitas, sempre pagan a pena.

14. ¿Hai algo que non lle perdoaría á súa parella?

Non o sei, creo que non. Ela é o mellor que me pasou na vida.

15. ¿Envéxalle algo ao outro sexo?

Dar unha resposta suporía asinarlle un tópico ás mulleres, e non teño moita fe nos tópicos.

16. ¿Que libro ten enriba da mesiña de noite?

Estou lendo ‘Modernist cuisine at home’, o último de Stephen King e tamén un ensaio sobre o lobo ibérico de Ramón Grande del Brío.

17. Non sae da casa sen...

No campo podo saír sen carteira ou chaves, pero non o fago sen un caderniño onde vou apuntando ideas para as miñas historias.

18. ¿Que pecados capitais desculpa?

Todos, sen dúbida.

19. Algo que nunca falte na súa neveira...

Algún refresco e leite.

20. Unha prenda que deteste...

Ningunha, non son as prendas as que me desgustan, senón que se usen dun xeito inapropiado.

21. As súas mellores vacacións foron...

De pesca en Chile.

22. A súa viaxe soñada sería a...

Mongolia, e tamén aos lagos interiores de Tasmania.

23. A paisaxe que máis o impresionou

As banquisas árticas.

24. ¿E a súa materia pendente?

Aprender esgrima clásica, tomar leccións de canto ou saber máis sobre arquitectura.

«A CULTURA XAPONESA É APAIXOANTE»

1. ¿Que van atopar os lectores que se fagan coa súa nova novela, ‘Ronin’?

Aventuras, emocións e diversión, aderezados cunha cultura tan apaixoante como a xaponesa. Teño fe en que os lectores o pasen moi ben con esta historia de samurais chegando á España das grandes travesías mariñas e terras alén do horizonte. Por riba de todo, gústame pensar que van atopar recordos que os levarán a pensar na novela moito tempo despois de tela terminado.

2. ¿Que lle dan os relatos históricos que non atope nos que acontecen na actualidade?

Certo romanticismo que os homes lle adoitamos dar ao tempo pasado. Neste caso, que os xaponeses chegaran a España 400 anos atrás paréceme unha idea moi atractiva.

3. En Xapón preocúpanse moito por coidar a súa cultura, ¿facemos o mesmo os galegos?

Non sempre valoramos o que temos. Esperta a miña envexa ver polo mundo como se defenden historias e pasados con moita menos enxunlla da que ten o noso. Aquí contamos cun patrimonio cultural inmenso, incrible. Temos tanto e tan marabilloso...

Comentarios