Os Irmandiños amosan exemplos de iniciativas con éxito no eido rural

Un gandeiro de Alfoz, con dúas vacas elixidas coma as máis leiteiras de Galicia, cre que no lácteo "convén pensar a medio e longo prazo"
Xornada de fomento do emprego no eido rural, este xoves na sede dos Irmandiños
photo_camera Xornada de fomento do emprego no eido rural, este xoves na sede dos Irmandiños

Arredor de trinta persoas —moitas delas, asistentes a un curso de horta que se imparte no Centro de Formación e Experimentación Agraria e Forestal Pedro Murias— seguiron este xoves, con grande interese na cooperativa Os Irmandiños, unha xornada sobre a creación de emprego no eido rural. Tres emprendedores galegos deron exemplo. Entre eles, estivo presente o gandeiro alfocense Juan José Fraga Paz, que pese a crise que vive o sector, cre que o negocio da produción láctea hai que pensalo "a medio e longo prazo".

Con 290 reses para o ordeño e a recría, a sociedade gandeira que o enxeñeiro agrícola Fraga Paz rixe coa súa nai e a súa irmá en Alfoz, tamén soportou o desperdicio diario de 4.000 litros de leite, mentres durou a folga que afectou a recollida e que xa rematou. Ao fío do problema lácteo, son moitos os produtores consultados que cren que sería mellor facer unha folga a nivel de todo o Estado, porque deste xeito "os únicos afectados son os gandeiros, porque as empresas e as distribuidoras seguen recibindo leite doutros lugares do Estado onde non se fai o parón".

Moitos gandeiros agardan que se faga unha folga de produtores xeral no Estado "porque se só a fai Galicia, o empresario segue gañando"

Fraga comezou en 2009 a produción láctea, cun negocio que "require unha grande inversión inicial, en animais, alugueres de terreo, maquinaria, infraestruturas e instalacións". Estas últimas poden tardar unha década en amortizarse, advertiu. "No meu caso, non amosei na charla un negocio de éxito, senón unha opción que escollín mirando cara ao futuro e sabendo que é unha empresa, que deberá adaptarse aos tempos, é dicir, dende producir menos a mudar os sistemas de produción", matiza. "Hoxendía, como se está vendo, non compensa, pero é cíclico. Poden vir tempos mellores". A Gandeiría Casa Barbeiro dá traballo a cinco persoas e a Federación Frisona Galega premiou este ano, de novo, a outra das súas vacas por ser a máis leiteira de Galicia, ao ofrecer 73 kilos diarios .

A recoñecida cesteira Idoia Cuesta, asentada na conca do Miño, tamén animou a outros a emprender no medio rural, a atreverse a facelo.

Agaca, da que forma parte a cooperativa Os Irmandiños, promoveu coa pasada xornada o emprego cooperativo xuvenil no eido rural. O técnico David Vila falou sobre a incorporación a tempo completo ou parcial; un responsable da entidade ribadense explicou que servizos de apoio lle ofrece aos mozos o modelo cooperativista e outro experto clarexou cales son as axudas que hai para empezar.

Comentarios