Os índices de audiencia

Arthur Felling foi un fotógrafo estadounidense que traballou desde os anos vinte até case os setenta do século pasado e que acadou unha ben merecida sona e unha alta cotización, especialmente polas súas fotografías de prensa, que conseguía obter antes que ningún outro e revelaba nun laboratorio que instalara no maleteiro do seu automóbil de maneira que chegaba co material xa disposto á sede do periódico, por veces antes que a propia noticia que el ía ilustrar. Coñecíano por ‘Weegee’ –e mesmo el asinaba así algunhas das súas obras– alcume que, segundo se di, vén ser unha especie de transcrición fonética ao inglés dos U.S.A. de güija, vocábulo que resulta da unión redundante do ‘oui’ francés e máis o ‘ja’ alemán e que serve para designar unha táboa que leva impreso o alfabeto coa que hai quen asegura ser capaz de poñerse en contacto cos espíritos e obter deles consellos, mensaxes e advertencias que lle permitan atinar quinielas de catorce, sabendo por adiantado como van quedar os partidos, chegar de primeiro ao sitio exacto no que hai agachado un tesouro ou cando hai que mercar accións de Telefónica e cando cómpre vendelas.

 

Diso lle viña, ao parecer, o sobrenome a Arthur Felling, quen soubo retratar a vida do común na cidade de Nova York durante varias décadas e que tiña como especialidade a captación de imaxes dos sucesos violentos, tan usuais alí naquela época. A realidade era que o tal Felling tamén levaba no seu coche unha estación receptora de radio, máis ou menos legal, coa que captaba as comunicacións de policías e bombeiros o que lle permitía acudir ao lugar do suceso ao mesmo tempo ca eles, cando non antes, e obter alí fotos únicas e máis directas que os distintos xornais estaban dispostos a pagar xenerosamente sabedores de que con elas medraba en bastante medida iso que chaman o índice de audiencia. Como non podía ser doutro xeito, foron moi celebrados o seu enxeño e máis o seu modo de traballar.

 

E os tempos mudaron, a velocidade coa que hoxe se transmiten noticias e imaxes non concede grandes vantaxes a aquel que chegue primeiro, a efectividade da güija non parece ser demasiado fiable pero a tiranía dos índices de audiencia –en especial os referidos a acontecementos violentos– resulta a cada paso máis desmedida de maneira que xa non abonda con acudir de contado ao lugar do suceso senón que o ideal é chegar antes de que este se orixine e agardar ao momento oportuno para informar da desgracia que alí se produza. Así o entendeu un animal con roupa chamado Wallace Souza, brasileiro, deputado e presentador dun programa sensacionalista da televisión que, disposto a lle comer as papas a todos cantos ‘weegees’ fose preciso, dedicouse a cometer el mesmo unha chea de asasinatos para gravalos en directo e ter así a seguridade de que ningún outro eficaz reporteiro se lle podería adiantar na noticia.

 

El está agora preso, pero se te paras a facer algo de ‘zapping’ e atendes durante algún tempo a certos programas que a televisión nos ofrece non podes evitar que se che veña á cabeza a idea de que –certo que a outros niveis, afortunadamente– non son poucos aqueles que andan a utilizar métodos semellantes aos do tipo ese...

Comentarios