Os herdeiros pagan malas xestións

GOBERNAR na abundancia é sinxelo, hai abondo para repartir e do saco sempre se pode retirar unha boa presada cando fai falta para, por exemplo, ampliar o cadro de persoal dunha televisión de 700 a 1.700 traballadores; para organizar carreiras de automobilismo para fachenda das autoridades correspondentes pero tamén como símbolo do dispendio; ou para construír un aeroporto onde nunca despegou un avión. Así foron os gobernos de Zaplana e, sobre todo, Camps, na Comunidade Valenciá, na que o aeródromo de Castellón non ten visos de que se utilice algunha vez, na que a Fórmula Un queda coma un proxecto megalómano para vaidade política e fracaso inversor e na que á televisión pública se lle pon a caravilla antes de que rebente por tamaño descomunal. E iso que Valencia se puxo durante un tempo como sinónimo de boa xestión, unha aparencia que agora pagan os herdeiros.

Comentarios