''Os galegos dubidamos da valía da nosa lingua''

1. Como ve a situación da lingua galega?

O galego está en franco retroceso por dous motivos principais: o primeiro é que os galegos dubidamos da valía da nosa lingua como o sinal de identidade máis importante que temos e como patrimonio intanxible dunha valía inmensa que se o deixamos perder nunca máis volverá, e o segundo por unha actitude de indiferenza ou aínda de hostilidade das nosas autoridades autonómicas respecto ó ensino e promoción da nosa lingua. A ameaza así é realmente moi alta.

2. Que perspectivas de futuro ten o galego?

Como sempre serán as persoas que se criaron falando galego e que realmente o queren ben quen o fagan sobrevivir. O alineamento claro dun sector moi importante do profesorado do noso país na defensa activa do galego aprendéndoo ós seus alumnos e utilizándoo como lingua de difusión dos seus coñecementos é un alicerce fundamental de cara ó futuro da mesma.

3. Que habería que facer para que se use con normalidade?

Seguir no camiño da normalización do galego en todos os sectores da sociedade: os medios de comunicación fundamentalmente xa que fóra da TVG e Radio Galega son excepcionais os que utilizan o galego sistematicamente na nosa terra. A presenza en sectores considerados como importantes pola nosa comunidade: universidade, investigación, xustiza, finanzas... e mesmo sanidade onde eu traballo. Cando consigamos entender que é un patrimonio inmaterial irrepetible que coexistan catro linguas propias de máis de mil anos de existencia nun estado como o español de 50 millóns de habitantes (probábelmente caso único no mundo), patrimonio que non poderiamos volver ter se desaparecese algunha destas linguas, poderemos saber que o galego xunto co español, o catalán e o éuscaro terán un futuro asegurado.

Comentarios