Moitos dos escudos de armas que engalanan Os Ancares esixen atención

Patrimonio dos Ancares documentou uns 70 blasóns na comarca para comprobar o seu estado, e unha trintena atópanse en perigo ► Outras insignias mantéñense en bo estado, pero ubícanse en casas en ruínas, algunhas de gran importancia, o que as fai vulnerables
Escudo no pazo de Aranza, en Baralla
photo_camera Escudo no pazo de Aranza, en Baralla

Os escudos de armas impregnan cada recuncho da xeografía galega e son a máis viva testemuña da nosa historia. Co fin de comprobar o estado de conservación destas importantes reliquias na comarca da montaña lucense, o colectivo Patrimonio dos Ancares catalogounas e elaborou un amplo informe para demandarlle a Patrimonio que se tomen medidas urxentes sobre os escudos que se atopan en perigo.

Documentaron un total de 67, dos cales case a metade (27) se atopan en mal ou regular estado de conservación. "Atópanse distribuídos por 46 parroquias e a maior parte foron feitos entre os séculos XVI e XIX", puntualiza o historiador Xabier Moure Salgado, membro do colectivo. En concreto, contabilizaron 16 en Baralla, 12 en Becerreá, 14 en Cervantes, 9 en Navia de Suarna, 7 nas Nogais e 9 en Pedrafita do Cebreiro.

Moure recorda que os escudos de armas "están protexidos pola Lei do Patrimonio Histórico Español do ano 1985 e pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia do ano 2016". O estudoso sinala que, "dado o paso do tempo, algunhas das insignias están xa deterioradas e outras, aínda que presentan bo estado, teñen o problema de que se atopan en casas que están en ruínas, polo que tamén corren perigo", lamenta. Das 53 casas engalanadas con escudos na comarca, unha vintena están en pésimo estado. "Hai algunhas que foron moi importantes e están caendo, como por exemplo a casa-torre de Dumia (Cervantes), a casa-pazo de Freixís e unha casa en Cantorcia (en Navia de Suarna), e o pazo de Veiga de Forcas (en Pedrafita do Cebreiro).

Ademais, desde Patrimonio dos Ancares constatan que, ao menos, habería outros once escudos na zona, "pero uns foron destruídos e outros roubados".

A investigación deste colectivo remóntase a hai máis dun ano. "Chamounos moito a atención que non se conservasen pedras armeiras nas fortalezas máis emblemáticas da comarca, como sucede nos castelos de Doiras, A Proba de Navia, Doncos ou Torés. Pareceunos sorprendente que edificios tan importantes non tivesen ningunha pedra heráldica e decidimos emprender a búsqueda para saber para onde foran", relata Moure. Así, deu comezo unha expedición na que percorreron todos os recunchos dos Ancares na procura destas valiosas pezas. "Algúns xa os tiñamos controlados, pero outros foron verdadeiras sorpresas", comenta o estudoso.

"Chamounos a atención a ubicación dalgúns, como o que procede do castelo da Proba de Navia de Suarna e que está ubicado agora nun recuncho do pobo", indica. Despois dun ano de pescudas, os membros da asociación catalogaron case 70 escudos. "Son todos moi valiosos, cada un é único e non é posible salientar ningún porque todos contan unha historia e representan unha familia".

PARTE DA HISTORIA. Por este motivo, Moure explica a importancia de conservar estas insignias. "En heráldica, o blasón é cada figura ou adorno dun escudo de armas que exerce como distintivo e emblema dunha familia nobre", precisa. "A maioría dos escudos dos Ancares corresponden a familias da baixa nobreza que en Galicia estaba representada polos fidalgos, vasalos dos grandes señores que administraban as súas propiedades, que adoitaban vivir das rendas que lles proporcionaban as propiedades agrarias, clase dominante, xunto co clero, que se apoiaban na institución do foro e que estaban exentos de determinadas obrigas tributarias", engade Moure.

"Non obstante, se nun comezo o título de fidalgo xurdiu como un recoñecemento, con posterioridade o seu uso foise extendendo, e os reis, a cambio dun beneficio económico ou persoal, nomearon fidalgos a esgalla, de aí que haxa tantas insignias", relata o historiador. "En Galicia a maior parte destes fidalgos posuían escasos recursos, aos que o catastro de Ensenada nin sequera lles recoñecía a axención da contribución, non posuíndo máis que o estatuto xurídico que os dispensaba, iso si, do servizo militar".

Nas montañas orientais da provincia de Lugo gozaban do estatuto nobiliario da fidalguía do 25 ao 50 por cento das familias, "o que amosa o doado que era adquirir ese título", recorda Moure. A decadencia da fidalguía comezou a mediados do século XIX, desaparecendo na práctica nas primeiras décadas do século XX.

"Por iso, por todo o que representan, e sobre todo, pola súa importancia histórica, é imprescindible loitar para que estas xoias coas que convivimos non desaparezan", reclaman desde o colectivo Patrimono dos Ancares.

Comentarios