jueves. 28.10.2021 |
El tiempo
jueves. 28.10.2021
El tiempo

Os ecos e as voces

PARA MIN o máis difícil á hora de escribir este artigo semanal é decidir o tema. Trata unha de facelo ao fío da actualidade, mais a actualidade ten pouca imaxinación e repítese como a historia da que á fin formará parte . Sucede así que é difícil non repetirse tamén, a ter a sensación de ser eco e non voz orixinal.

Mais o sol é novo cada día malia levar millóns de anos percorrendo a súa órbita. E a vida, ese milagre repetido, non perde un ápice de valor por ter acontecido máis veces antes. Somos nós quen perdemos interese ou capacidade de asombro, carraxe ou xúbilo. É a nós a quen nos soa a coñecida a melodía e nos reafirmamos na idea de que non hai nada novo no universo.

Dígaseme, porén, se a morte da última muller asasinada pola violencia machista non merece unha voz, un berro único, aínda que se perda no eco, como único e irrepetíbel foi o seu paso pola existencia. Atoparémonos escribindo sobre isto máis unha vez, e antes de que seque a tinta, a barbarie tinguirá con sangue novas páxinas; pero teremos que seguir na denuncia para non sermos cómplices.

Cada monte que arde, mesmo se xa o fixo trinta anos atrás, estrea o fracaso dunha humanidade que queima as naves de navegar o futuro. «O que lle suceda á terra, sucederalle tamén aos fillos da terra», dixo o indio Noah Sealth. Son eco as súas palabras, mais cómprenlles voces para non se perder entre os penedos da insensatez que nos leva ao suicidio.

As guerras, moitas e longas, vellas, novas e renovadas, a lupa sobre Siria agora, non rematan no artigo que as analiza nin no editorial que as esconxura. Seguen aí, antropófagas insaciábeis, a fincar os dentes na mazá do mundo. Mais é obriga disparar sobre os ovos da serpe, denunciar os intereses que as provocan, invocar a paz como maná, como único camiño cada día.

A corrupción, esa vinculeira do ‘moito desexar’, que dixera Rosalía da ambición, é outra das grandes fornecedoras de actualidade. Calar sería outorgar. Falar, velaí o dilema, é petar na mesma pedra ou, peor aínda, remexer nas feces que, xa se sabe, canto máis se remexen máis cheiran.

Non remata aquí a listaxe de recorrencias negativas, pero preciso espazo para algunha cousa bonita, poño por caso o vagabundo norteamericano que atopou seis mil dólares e buscou ao dono para entregarllos. Pagáronllo cun diploma: sen comentarios. Ou un expendedor de lotarías da Coruña que, podendo facelo, non se apropiou dun boleto da primitiva premiado con catro millóns. A honradez algunhas veces tamén é noticia.

Gustaríame, créanme, atopar un tema novo de verdade, pero para iso teríamos que mudar de planeta e eu non lles son astronauta.

Os ecos e as voces
Comentarios