Os desequilibrios nos impostos

O desequilibrio na recadación de impostos non é un problema novo, posto que existe desde hai bastantes anos. Son achegados principalmente polos asalariados cun 40% do total e outro 47% polo consumo, co Ive máis os impostos especiais dos carburantes, alcol e tabaco. Deste xeito os impostos que gravan o capital achegan pouco máis da décima parte do total, tanto os procedentes dos beneficios das sociedades como das ganancias das persoas na venda de inmobles ou accións, ou polo cobro de intereses e dividendos. Ademais, esta situación agravouse durante os últimos anos de crise, de modo que entre 2006 e 2009 a achega dos asalariados ten aumentado nun 14%, mentres que a do capital diminuía a case á metade.

Ademais deste desequilibrio na distribución global dos impostos, hai tamén unhas notables diferenzas cando observamos as súas achegas entre as rendas máis baixas fronte ás máis elevadas no traballo e de modo similar entre os impostos pagos polo beneficio obtido polas pequenas e polas grandes empresas. En teoría en ambos impostos das persoas físicas e das sociedades existe unha progresividade, de modo que pagarían unha maior proporción das súas rendas ou beneficios as persoas ou sociedades que os tiveran máis elevados. Na práctica non ocorre así porque tanto as persoas coas rendas máis elevadas e as grandes empresas teñen un mellor asesoramento fiscal ou aprovéitanse das deducións e desgravacións existentes, que permiten reducir de modo moi considerable o tipo real que se paga con respecto ao teórico. Ademais contan tamén coa posibilidade de utilizar varios instrumentos ou estratexias que lles permiten excluír parte das súas rendas e ganancias do cálculo teórico do imposto.

Pódense utilizar uns exemplos simples de ambos casos. Non deixa de ser sorprendente que en España haxa só unhas 6.800 persoas que por salarios ou capital teñan uns rendementos superiores aos 600 mil euros anuais, despois de deducir os seus gastos, que pagan un tipo de imposto considerablemente inferior ao que teoricamente lles correspondería. No imposto de sociedades atopamos unha situación similar. As grandes empresas pagaron no ano 2009 polo imposto de sociedades só un 14% do seu beneficio, que é inferior á media paga por todas as sociedades, logrando rebaixar o tipo teórico do 35% que lles correspondería a menos da metade.

Con estas diferenzas tan elevadas e unha repartición tan desequilibrada no pago dos impostos non parece haber outra solución que unha reforma fiscal en profundidade e un control da fraude adecuada, que saque a flote a economía sumerxida e o uso abusivo de determinados instrumentos, como poden ser as sociedades de investimento colectivo que utilizan socios de palla e a atribución ás empresas de certos gastos persoais de luxo, como poden ser coches ou embarcacións de recreo.

As medidas parciais como a redución de certas desgravacións ás empresas no imposto de sociedades, incluídas nos orzamentos deste ano, que están pendentes de concretar, poden ser só unha mellora moi limitada. Serán en todo caso un simple parche que non é ningunha solución minimamente aceptable para o problema de lograr unha maior solidaridade fiscal á hora de soportar os axustes da actual crise económica.

Comentarios