Os da pena de morte

A que aplican os de ETA non é pena de morte, senón asasinato. Seguramente eles pensan outra cousa. Celebran de antemán un macro xuízo no que todo o que loitar contra os seus métodos viles, ou simplemente os cuestionar, será declarado culpábel e reo do castigo capital. E tamén os seus descendentes, criaturas que deben pagar o grave delito de viviren baixo o teito dos seus pais, axentes da orde pública. Fronte a esta barbarie son aínda demasiadas as voces que reclaman a pena de morte. Coidan que a celebración dun xuízo lexitimaría o que non deixa de ser outro asasinato por mais que, desde o punto de vista xurídico, non lle cadre esta cualificación. Eu teño a firme convicción de que a vida e a liberdade nunca poden ser defendidas nunha espiral de morte, veña esta de onde viñer. Por iso me parece moi perigoso que haxa quen se atreva a suxerir a volta a un castigo cuxa eliminación é un dos maiores logros da nosa democracia. Matar significa sempre o mesmo, mírese como se mire. A radical defensa da vida é a principal arma para loitar contra estas feras entobadas no cubil do odio. Porque iso é o único que os move, aínda que nos queiran vender outros motivos.

 

Ninguén pode amar un país se non ama primeiro o ser humano. O territorio, a lingua, a historia, só teñen sentido se están ao servizo da humanidade, entendida esta como sentimento de compaixón e benevolencia cara aos demais, sen excepcións. Os que matan sabían outrora, se cadra, a onde querían ir. Agora non. Esqueceron o camiño. Perdéronse na mesta brétema da violencia e xa non teñen razón nin razóns para evitar esfragarse. O malo é que, mentres van caendo polo barranco, causan moita dor e segan vidas e esperanzas. E ademais, como o odio é centrífugo e expansivo tal unha bomba, alcánzanos a todos. As súas potenciais vítimas máis directas, as forzas de seguridade, caen ás veces na trapela de medir todos os nacionalismos cun único rapón. Eu mesma o puiden comprobar en Santiago de Compostela o 25 de xullo cando escoitei os comentarios dalgúns policías diante do desfile de xente cara á manifestación. Violencia de baixa intensidade, mais violencia tamén que, de acordo coa dinámica da espiral, pode xerar radicalismos e non dos bos. Non foi así. Por fortuna, a meirande parte dos que acoden á Praza da Quintana son —somos— xente pacífica e non caemos nese tipo de provocacións. Mais doe ese permanente estado de sospeita en que nos queren instalar os do mal chamado nacionalismo español. Digo mal chamado porque descoñecer de feito que a Constitución recoñece as distintas nacionalidades mellor se debería chamar imperialismo. De todos os xeitos, non culpo a eses poucos axentes que esquecen que a súa obriga é manter a orde e non provocar altercados, mais gustaríame que alguén lles fixese entender que esas actuacións son danos colaterais das bombas dos outros. Por desgraza son moitos os políticos e sementadores de opinión que aproveitan a morte para confundir e tirar proveito partidario.

Comentarios