''Los croatas tienen una mentalidad muy abierta''

CAROLINA ROUCO LEVA TRES ANOS como lectora de galego na Universidade de Zadar, en Croacia. Esta cervense chegou alí case por casualidade. Estudiou Tradución e Interpretación en Vigo, fixo un posgrao da Uned sobre Didáctica do español como segunda lingua e no 2007 solicitou o lectorado de galego para Francia, Reino Unido —especializarase en francés e inglés na carreira— e, de xeito case espontáneo, decidiu incluir Croacia, que sería precisamente o seu destino. «Pareceume unha oportunidade única para coñecer outra cultura e aprender unha lingua nova, de xeito que aceptei sen dubidar», recoñece.

Foi a primeira lectora de galego na Universidade de Zadar e tiña moita curiosidade por saber cantos alumnos ía ter. Para a súa sorpresa, descubriu que a lingua galega está integrada en Filoloxía Hispánica e que, xunto co catalán, ofrécese como optativa. Na actualidade ten seis grupos de galego, nos que participan 45 alumnos e da tamén clase de Literatura Galega nun máster. Tres anos despois de ter comenzado a aventura está moi satisfeita. «Conseguín que moitos estudantes se interesen pola nosa lingua e cultura. De feito, moitos xa foron a Galicia a facer cursos de verán, algúns varias veces», di.

Despois destes tres anos o seu contrato como lectora chega á fin. A universidade ofreceulle quedar como profesora, pero Carolina pensa «que chegou a hora de buscar un novo destino» porque prefire «seguir coñecendo mundo» e ver de asentarse en Galicia dentro duns anos. «Agora non é o mellor momento para voltar e buscar traballo tal e como está todo», razoa.

Non foi esta a súa primeira experiencia no estranxeiro. Carolina estivo antes en Estrasburgo facendo o Erasmus e despois viviu en Malta, onde traballou como voluntaria nunha ONG dando
aulas de inglés aos refuxiados de África que chegan á illa. Ese destino marcouna moito, recoñece. Ensináballes o idioma para facilitarlles a búsqueda de emprego e iso cambiou a súa perspectiva do mundo, as súas prioridades e fíxolle dar máis valor aínda aos idiomas.

Ela vén de sumar o croata aos seus recursos lingüísticos. «Agora podo entenderme con persoas de calquera país da ex-Iugoslavia e coñecer de primeira man historias de xente nova coma min que viviu unha guerra moi dura. É unha experiencia que non cambiaría por nada», recoñece.

Ademais, empeza a recoller os froitos tamén no ámbito profesional. «O ano pasado comecei a facer algunha tradución croata-español e este ano xa teño asinados dous libros para traducir», apunta.

Pero non foi todo tan sinxelo. Cando chegou non sabía unha soa palabra de croata. Foi a clase no Centro de Linguas da universidade, pero unha hora semanal non daba para moito, sobre todo por ser unha lingua tan complexa «e polo feito de que nunca antes estudara unha lingua eslava». A súa mellor baza foi a capacidade de socialización. «Fixen moitos amigos croatas e así comecei a falar», sinala.

Recoñece estar moi integrada na vida social da cidade. Encántalle «a calidade de vida de Zadar», unha cidade «máis ou menos coma Lugo» que simplifica moito as relacións humanas. Axuda tamén o carácter croata: «Teñen unha mentalidade moi aberta, son moi faladores e alegres». Outra gran baza para ela é o clima, «de maio a outubro vai moi bo tempo», explica, e os invernos son suaves. Iso favorece as visitas á praia, aínda que bota en falta os areais galegos. «Aquí as praias son de coios!», lamenta. E leva mal a falta de comunicacións directas con Galicia.

Aos visitantes recoméndalles evitar xullo e agosto e alugar un coche para moverse porque as comunicacións non son moi boas. «De Zadar a Dubrovnik hai unas cuatro horas e media en coche, pero nove horas en autobús».Carolina tamén aconsella buscar un aloxamento privado, apartamentos de aluguer ou habitacións. «Saen moi ben de prezo e hai moito onde escoller».

A Dubrovnik recomenda ir un día, por ver esta «cidade-museo» onde «todo xira arredor do turismo e os prezos poden chegar a multiplicarse por 4». Tamén aconsella Zadar, cuxa zona vella se sitúa nunha península.E merece a pena, di, prestar atención ás illas. «Hai máis de mil e moitas non están invadidas polo turismo. Son dunha beleza impresionante», conta.

''Moita xente garda a casa da época do comunismo''
A maioría dos croatas teñen casa de seu, conta Carolina. «Na época do comunismo o Estado proporcionaba a vivenda e a xente conserva aínda esas propiedades»,
explica. Dáse a circunstancia de que no país «hai catro veces máis vivendas que habitantes», por iso moitas familias dispoñen de alugueres para turistas cos que
sacan un sobresoldo, explica esta cervense. Porén, a vivenda encareceuse nos últimos anos, con hipotecas tan altas como en España, e «as parellas novas teñen
moitas dificultades para acceder a un piso propio», engade.

Soldos moi baixos
Os sobresoldos veñen moi ben nun país onde o soldo dunha caixeira rondan os 300 euros, e no caso dun profesor de secundaria non chega aos 600. E onde, ademais, o Ive é do 23%. Un café custa 8 kunas (1,10 euros), a conexión de internet de 4 megas, 20 euros, e un menú do día, uns 50 kunas (6 euros). En Dalmacia, a rexión onde está Zadar, é moi doado atopar «peixe de boa calidade e a bo prezo», conta Carolina, e moitos locales teñen terrazas, un punto de encontro moi frecuente para quedar cos amigos, salvo nos meses máis fríos. A hora de xantar para as familias soe ser arredor das 16.00 horas, cando remata a xornada laboral en moitos sitios. Os estudantes e pensionistas teñen horarios máis europeos: xantan sobre as 13.00 horas e cean arredor das 19.00 horas.

A educación en Croacia é publica e gratuita en primaria e secudaria. Na universidade, tamén pública, non pagan a matrícula os alumnos con mellores notas no ingreso ou «os que entran como diáspora», indica Carolina. Tamén a sanidade é pública, «pero funcionaba moito mellor na época de Tito», conta. Agora «hai que pagar unha pequena cantidade cando se vai ao médico», explica, e as listas de espera para especialistas «son moi longas».

En canto ao transporte, en Zagreb, a capital, o que máis se usa é o tranvía, pero en sitios como Zadar, recúrrese a bicicleta, o bus ou a camiñar, aclara.

Comentarios