Os concellos non desbotan a idea de ampliar as praias libres de tabaco

No areal do Torno, en San Cibrao, ondea dende este xoves a bandeira de Praias sen Fume
A praia do torno luce a bandeira de Praia sen Fume
photo_camera A praia do torno luce a bandeira de Praia sen Fume

Os catro concellos mariñanos —Barreiros, Cervo, Foz e Ribadeo— que forman parte do programa Praias sen Fume, posto en marcha este verán pola Consellería de Sanidade, non descartan ampliar esta campaña a outros areais dos seus concellos. Así o sinalaron este xoves, día en que se subiu a bandeira distintiva na praia cervense do Torno. Un acto ao que acudiron o rexedor de Cervo, Alfonso Villares; a concelleira de Sanidade, Medio Ambiente e Turismo, Manuela Méndez, e así como a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

A iniciativa de Praias sen Fume abrangue a un total de 22 concellos galegos, dos que catro se atopan en Lugo. Os alcaldes dos concellos implicados neste programa, que recordemos son Barreiros, Cervo, Foz e Ribadeo, comezaron esta semana a colocar as bandeiras e carteis do programa, e valoraron positivamente a medida.

Praias sen Fume é a primeira iniciativa deste tipo impulsada a nivel autonómico para instaurar areais libres de fume 

Alfonso Villares, rexedor de Cervo, sinalou que "dende o Concello de Cervo quixemos adherirnos a esta campaña da Consellería de Sanidade, que promociona unha vida sen tabaco". Villares subliñou que o programa "non ten un fin recadatorio senón basicamente educativo e de promoción da saúde e do medio ambiente, sendo o seu cumprimento voluntario por parte das persoas que acudan a esta praia". A concelleira de Sanidade, Medio Ambiente e Turismo, Manuela Martínez salientou que un dos obxectivo do Concello con esta medida é "promover unha vida sen tabaco a través da rede galega de praias sen fume".

EN BARREIROS E FOZ. No caso de Barreiros o alcalde, Alfonso Fuente, sinalou o carácter concienciador da medida. Fuente xustificou a elección da praia de Coto para este programa indicando que "é un areal que xa conta con un punto de información e posto de primeiros auxilios, ten ademais cadeiras anfibias e acceso a minusválidos. Era a máis idónea para instaurar este medida". O alcalde barreirense remarcou de novo o obxectivo da medida e a intención de Barreiros de ofrecer aos usuarios unhas praias o máis limpas posibles, recordando a recollida selectiva de lixo no concello barreirense durante este ano.

O programa non contempla sancións para os bañistas. Aposta pola concienciación dos usuarios

No caso de Foz, o concello presidido por Javier Castiñeira deulle a consideración de praia libre de fume a A Rapadoira. Castiñeira remarcou a importancia deste programa sinalando que "nos parece importante esta iniciativa en aras de mellorar o civismo. Fíxose na Rapadoira porque é un areal urbán, con outros certificados de calidade e moi concurrida". Castiñeira animou aos bañistas a respetar esta mención, subliñando o carácter de prevención e concienciación das praias como espazos libres de fume e lixo.

No caso de Ribadeo, a concelleira de Sostibilidade Ambiental e Medio Mariño, Paz Ermida, recalcou o carácter educativo da medida. Sinalou que na praia de Illas-Os Castros, a elexida polo concello ribadense, a inicitiva contará coa colaboración dos equipos de socorrismo, que informarán da iniciativa aos bañistas.

Comentarios