Los comuneros de Parga llegarán a las 800 hectáreas con la revisión de su monte

A entidade recuperou o xantar de irmandade cuns 200 participantes
Asistentes á comida dos comuneiros de Parga.
photo_camera Asistentes á comida dos comuneiros de Parga.

A comunidade de montes veciñais en man común de Santo Estevo de Parga está a piques de ver practicamente duplicada a superficie que xestiona, á espera de que a xefatura de Montes decida sobre os terreos que a entidade defende como propiedade comunal e que se sumarían ás 484 hectáreas coas que xa conta, pasando a ter unhas 800.

«O xurado de Montes xa o aprobou por unanimidade e agora é a xefatura a que ten que decidir», explicou o presidente da entidade, David Díaz, que recorda que o seu caso non é único, xa que este proceso de recuperación de terreos «que no seu día lle foron cedidos aos veciños para traballar neles», tamén foi iniciado por outras comunidades de montes galegas.

Díaz salientou este feito no trascurso da recuperada comida de irmandade dos comuneiros, unha cita celebrada no pavillón do colexio Santo Estevo de Parga e á que estaban convidados a participar as 175 casas que son membros da entidade.

Unhas 200 persoas participaron nesta xuntanza, cuxo menú correu a cargo do mesón O Pedregal, mentres que da animación se encargaron os gaiteiros de Sons de Aldea, grupo local que tamén se encarga de amenizar as feiras dominicais de Parga.

Ademais deste xantar de confraternidade, que se recuperou tras varios anos sen celebrarse, a comunidade custea diversas obras, coma arranxos de camiños ou traídas de agua, ademais de subvencionar as festas patronais de Parga ou a popular Feira da Cantería, Callos e Artesanía.

Comentarios