Os colexios de Castro e de Muimenta implantan a recollida selectiva

Os dous centros chairegos participan este curso no programa 'Reclíclate con Sogama' ►Recibiron todo o material necesario para aprender a separar correctamente os residuos
Alumnos do Ceip de Muimenta, en Sogama
photo_camera Alumnos do Ceip de Muimenta, en Sogama

A Sociedade Galega do Medio Ambiente e a Xunta de Galicia impulsan por cuarto ano consecutivo o programa escolar ‘Recíclate con Sogama’, ao que este curso se sumaron dous centros educativos chairegos, o Ceip Veleiro Docampo de Castro de Ribeiras de Lea e o Ceip de Muimenta.

Ambos colexios recibiron unha illa de reciclaxe, composta por tres contenedores de 120 litros de capacidade cada un para aprender a separar correctamente os refugallos -amarelo para envases de plástico, latas e bricks; azul para o papel e o cartón, e verde para o resto-, así coma diverso material divulgativo e o asesoramento de Sogama para afianzar hábitos de reciclaxe selectiva en toda a comunidade educativa, que logo se poidan facer extensibles aos fogares.

«Viñeron de Sogama ofrecer unha charla, a idea é que traballemos sobre as tres erres: reducir, reutilizar e reciclar», explica Gelo Peña, coordinador do proxecto no Ceip de Muimenta, que indica que todo o centro -son 46 alumnos e catro mestres- está a concienciarse sobre a clasificación de refugallos, mesmo os alumnos de educación infantil, que poden facelo na súa propia aula.

«Non se trata só de concienciar aos alumnos, senón tamén ás familias», explica o mestre de terceiro, cuarto, quinto e sexto de primaria, que avanza que de cara a este trimestre o seu obxectivo é ir un paso máis alá e tentar localizar os vertedoiros incontrolados en Muimenta, facer un mapa con eles e comunicarllo ao Concello de Cospeito para que poidan eliminalos. Ademais, os rapaces de nove a doce anos do colexio de Muimenta xa gozaron dunha viaxe divulgativa a Cerceda, onde descubriron o funcionamento do complexo medioambiental de Sogama.

Esta excursión tamén a farán no mes de febreiro os alumnos de sexto de primaria do Ceip Veleiro Docampo, que para ter claro que refugallos van en cada contedor, fixeron carteis por aulas para identificar cada residuo coa cor que lle corresponde, aínda que logo o ciclo non poida completarse, porque no concello de Castro de Rei non está implantada a recollida selectiva.

A directora do centro, Ana María Barreira, precisa que os 215 alumnos do colexio, dos que se responsabilizan 23 profesores, non só traballan sobre a reciclaxe selectiva, senón que están moi concienciados coa recollida solidaria de tapóns e este ano comezaron tamén a reciclar pilas.

Comentarios