Os clarinetes toman o poder

José Ramón Saborido e Daniel Veiga, dous clarinetistas vilalbeses amantes do seu instrumento, foron co seu empeño os auténticos responsables da celebración do chamado Día Internacional do Clarinete, que tivo lugar no local de ensaio da banda de Vilalba a pasada semana.

Sen maior pretensión que a de pasalo ben a través da música, os dous intérpretes chairegos idearon a realización dun concerto coa colaboración de varios músicos amigos. Nese concerto, pensaban os artistas, habería sitio para obras clásicas e tamén para algunhas máis modernas, aínda que non pensaron que lograría o éxito que obtivo ao final.

Durante os días previos sucedéronse as chamadas e os ensaios, e pouco a pouco o programa tomaba forma. Incluso se contactou con outros instrumentistas alleos ó clarinete, caso dun percusionista, un baixista, un guitarrista e unha acordeonista, para facer de combo nalgunha peza de jazz.

O venres, día programado para a celebración, comezou coa toma de contacto entre a quincena de músicos participantes e co repaso dos temas que ían ser interpretados. Á mediodía, tralo cansancio de varias horas de sopridos, a comida foi a protagonista, neste caso un saboroso cuscús ao estilo ‘Saborido’, preparado por un dos organizadores. Tras este ágape compartido, foi a quenda de darlle a última volta ós puntos máis conflitivos de cada obra, xusto antes de comezar co concerto.

Con todo preparado e incluso con algún veciño que se achegara para gozar da festa, o recital arrancou cun conto musical baseado na ópera ‘Rigoletto’, de Verdi, mediante o cal os presentes puideron coñecer a triste historia do bufón italiano.

As obras que seguiron a continuación foron dúas pezas clásicas a clarinete só, unha de Rimski-Korsakov e outra de Stravinski, tralas cales houbo dous tríos, o último coa colaboración do acordeón.

Xusto despois destes grupos chegou o momento máis agardado da tarde, no que diversos dúos de clarinetes puideron interpretar obras de jazz acompañados polo combo de músicos presentes na cita.

Como colofón final, unha ‘ensemble’ composta por tódolos clarinetistas foi a encargada de pechar o programa con tres pezas moi diferentes: unha selección da ‘Ópera dos tres reás’ de Kurt Weill, unha bonita tonada de Paul Harris e, por último, unha alegre composición de Gershwin que serviu de despedida ata a próxima ocasión.

Comentarios