Os Cidadáns non votaron Mas e Podemos ir de CUP

Pelúdez fala das eleccións catalás e do xeito de educar hoxe aos fillos

EMPRAZAMOS CO Peludeciño, coa Vanesa e cos pícaros para tomar un chiculate con churros que nos dera forzas pra toda a xornada, hoxe cargada de acontecementos.

O fillo chega alporizado ao máximo. Estivera no pregón do Darío e non escoitara un can.

-Se non fan un bo investimento en decibelios, terán que repartir unha copia dos pregóns, porque aquilo vai parecer a procesión dos Caladiños.

-Pois eu crin que era cousa miña - díxolle o pai -, que estou a quedar xordo das orellas.

-Non vai ser xordo dos pés! - rifa a Filomena.

-Dos pés xa estou xordo dende que me pariu miña nai, aló polos tempos de Carracuca.

-Eu debezo polas montaxes audiovisuasorias e a que fixeron os de MBC contra a fachada do concello foi pistonuda - opina a Vanesa.

-Si - confirma o home -, agás cando semellaba que viñan todas as pedras abaixo, porque daquela houbo un baleiro de poder.

-Se o fixeran contra o Pazo da Deputación podía ter unha lectura política de moito afondamento - comenta o Peludeciño.

Como deron as nubes en botar auga, pasamos pola feira de antigüidades e coleccionismo como pasan os turistas por diante dos cadros do Museo do Prado, en ringuileira e ás présas.

No sentido contrario corrían os membros da Escola Perkusiona e Pelúdez sacoulle punta pola política antes de entrar nos soportais como os cabestros de San Fermín entran na praza:

-Aquí cada un corre nunha dirección, coma os cataláns, e daquela non hai xeito de chegar a ningures.

-Pois nós xa chegamos baixo cuberto - corríxelle a muller -. E hoxendía non é pouco.

-Agora que saca o tema, que lle pareceron os resultados das eleccións en Cataluña?

-Pois o que elas mesmas din, que os Cidadáns non votaron Mas e Podemos ir de CUP.

-É dicir, que tiñan que votar máis Mas.

-Eu non falei de tal cousa, que aínda que son pouco lido, conservo en pleno funcionamento o cerebelo, o bulbo raquítico e mais a masa encefálica. O que manteño é que se o tipo ese quería ter máis poder pra fuxir levándose o que é de todos, cada día o ten máis difícil porque xa o coñecen en todo o mundo como alguén que non é de fiar, e porque agora vai ter dentro da súa casa a outros que lle van sacar ata as moas de ouro que leve na boca.

-Fixouse no meu home? - dime a Filomena - Fala coma se levara toda a vida nas tertulias da tele e o úneco que ve é Homes, Mulleres e Biciversa.

-Iso, ti, que apampas ata cos anuncios dos deterxentes, que son iguais dende que saía a Berta Frankel coa perrita Merilín.

Logo, como parou a chuvia, vimos canta charanga había polas rúas e o pai mercou á Piliña unha raposa laranxa que ten o rabo máis longo co pau do selfie da Vanesa. Como a nena non lle facía moito caso, colleuna o Jarrison e deu voltas soobre si mesmo como se fose un dron, petando en todos nós.

-Para, condanícaro; que aínda van ter que levarnos ao HULA Hop pola vía de urxencia! - berroulle o avó.

-Non lle esborreque así ao pícaro! - protesta Vanesa -, que lle pode producir un trauma traumático e lesións inreversibles no corticoide.

-Si, ho. Como non mas produza el a min...! Cos nenos de agora as nais sodes dun protecionismo que tiña que vir regulamentado de fábrica porque vos poden saír tarabelos. Cando eu...

- Cale, ande; que xa sabemos todos eses contos seus do século dezanove.

O resto da véspera foi intenso, pero tranquilo ata que chegou a hora de ir ao Kiko Veneno. Pelúdez lembra que xa vira ao cantista hai unha ducia de anos e que estaba igual.

-Non pasan os anos polo Veneno. Nótase que é un veleno sen data de caducidade, coma os pós de arsénico das feiras, que algúns mercaban pra darlle matarile aos seus seres máis queridos.

-Home! Aos máis queridos non sería...!

-Como que non? Non ía ser aos que non coñecían de nada!

E así pasou o domingo. Cando penso que mañá volve a selo e que teño que aturar á familia todo o santo día, cáseque desmaio. Viva San Froilán!

Comentarios