Os cen de Kirk Douglas

O pasado día 9 Kirk Douglas chegaba a cumprir a mítica cifra dos cen anos. Un século de vida que se afunde na historia do cine de Hollywood sendo a súa faciana unha das máis sobranceiras. Repasar os seus papeis é percorrer algunhas das mellores interpretacións do cine

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

SE DE ALGO ESTAMOS fartos cada vez que morre algún actor dese tempo inesquecíbel e incomparábel do Hollywood clásico é de escoitar aquilo de 'o último supervivinte', e así, un tras outro, levamos anos escoitando esa frase cada vez que morre un actor ou unha actriz, pero, chegados a Kirk Douglas, quizais desta vez se a empregamos estaremos no certo —co permiso de Olivia de Havilland, que ven tamén de cumprir cen anos—, para referirnos ao derradeiro actor dun tempo e dun cine que pervivirá sempre na nosa retina.

E falar de Kirk Douglas, non é falar dun actor máis, é facelo dunha das grandes estrelas dun cine que tiña neses actores e actrices a gran imaxe do seu quefacer, os iconos que o público acollía dentro dun sistema de estudos perfectamente estructurado e abraiante, en canto ás súas posibilidades de produción e de chegar aos potenciais clientes. Eran uns actores e actrices que enchían as rúas no día da estrea da súa película, que protagonizaban espléndidas reportaxes nas revistas do momento e que se convertían nunha especie de símbolos dun cine do que América se sentía ben orgulloso, como un elemento de internacionalización do seu way of life.

Non hai máis que repasar a lista de papeis protagonistas para darse conta da importancia de Kirk Douglas e a súa atracción para participar de papeis que son xa inmortais na historia do cine. Dende o boxeador de El ídolo de barro (1949), ata o xornalista sen escrúpulos de El gran carnaval (1951), do Wyatt Earp de Duelo de Titanes (1957) ao Van Gogh de El loco del pelo rojo (1956), ou dun soldado da Primeira Guerra Mundial Senderos de gloria (1957) ata o libertador Espartaco (1960), podemos comprobar a contundencia das súas interpretacións, sempre na pel de seres complexos, dun efervescente temperamento non moi afastado do que amosaba na súa vida fóra dos focos dos estudos.

Nacido nunha familia xudea moi pobre se algo tivo moi claro o pequeno Issur Danielovitch era que quería ser actor. Algo que non foi nada sinxelo polo seus enfrontamentos con productores e directores, discusións ao longo dos seus traballos ían limitando os seus contactos para participar en máis filmes ata que funda en 1955 a súa propia productora, como xa fixeran outras estrelas na procura dunha maior rendabilidade e liberdade á hora de traballar. Antes xa deixara ben claras as súas posibilidades actorais: El extraño amor de Martha Ivers (1946), Camino de la horca (1951) ou 20.000 leguas de viaje submarino (1954), xunto a algunhas das películas xa citadas, situaban a Kirk Douglas como unha das grandes estrelas do firmamento de Hollywood. Dende esa productora a súa lenda non deixará de medrar, Los vikingos (1958), El último tren de Gun Hill (1959), Los valientes andan solos (1962) e sobre todo coas súas dúas obras xunto ao xenial Stanley Kubrick, nas que ao seu traballo como actor se lle engadirá a súa posición contestataria co Hollywood das listas negras, daquela noxenta caza de bruxas do McCarthysmo, a través do guionista Dalton Trumbo, ao que incluíu valentemente nos títulos de crédito de Espartaco tras a súa represión, reivindicando así o seu traballo, o dun dos mellores guionistas de Hollywood.

O seu rostro cheo de expresividade, o seu queixo con ese buratiño característico, fixeron da súa faciana unha das imaxes desas estrelas míticas que, no seu caso, formaron parte do paso do clasicismo a un novo cine. Foron os seus os anos cincuenta e sesenta, cando a cor pelexaba co branco e negro, cando a televisión entraba en competencia co cine, cando os actores se liberaban dos estudos e podían tomar as súas propias decisións fronte á industria, esa que tan ben coñecía, á que tanto se enfrontou e que reflectiu nun dos seus grandes traballos interpretando a un director de cine en Cautivos del mal (1952). Outro papel máis que engadir a unha lista esencial, a un actor único, a memoria de Hollywood, e desta vez si que o último mito vivo dun cine que non morrerá nunca.

Comentarios