Os camiños do Camiño

CANDO NENA contáronme que as estradas as trazaban os burros, que os enxeñeiros os tomaban por guía e camiñaban detrás deles, reflectindo nos planos as súas traxectorias, ao seren animais que sempre buscan o máis chan. Iso explicaría, xunto coas presións dos caciques, algunhas curvas imposíbeis. Agora que contamos con grandes máquinas e facer túneles e rebaixar terreos non ofrece dificultade, algunhas voltas son menos doadas de entender.

Os camiños de Santiago fixéronos os peregrinos ao longo da historia e aproveitaban rutas preexistentes en boa parte, mais é indubidábel que se desviarían delas en moitas ocasións por razóns varias. O Camiño Francés, por exemplo, sería un gran río con afluentes tales como o que, cruzando o Carballal, levaba até o santuario do Santo Eufrasio no Val do Mao ou o que conducía a Hospital de Incio onde os cabaleiros da orde de San Xoán de Xerusalén realizaban o seu humanitario labor cos peregrinos doentes. Digamos -e non quixera ser pedante, senón gráfica- que o discurso tiña exordios. Digamos tamén, a seguir co símil verbal, que hai moitas e diversas maneiras de dicir unha mesma cousa, neste caso, de percorrer o Camiño, agora con maiúscula. O único que de verdade importa é a conclusión, a meta.

Sirvan os parágrafos anteriores para traer á memoria uns tempos que deberan estar superados, os da ‘burramia’ e o caciquismo por unha parte, e, pola outra, esta vez en positivo, o do espírito que moveu a tantos e tantas a peregrinar a Compostela desde todos os rumbos da rosa dos ventos. Os puntos de partida foron os que determinaron os camiños do Camiño: Camiño Francés, Camiño do Sueste - Vía da Prata, Camiño Portugués, Camiño Inglés, Camiño Primitivo, Camiño do Norte... e máis. Os eruditos saben mellor ca min que parte dos trazados variaron ao longo da historia. Sen ir máis lonxe, o Camiño Francés pasaría orixinariamente polo medio e medio do hoxe aeroporto de Lavacolla. E saben tamén que, en moitos casos, existen razóns para canonizar tanto un coma outro itinerario.

Por iso non se entende que se gastase moito diñeiro do erario público no estudo dun novo trazado para o Camiño Norte. A primeira pregunta que se nos vén á cabeza é a que se fan os detectives diante dunha morte violenta: ‘Cui prodest? ’ (A quen beneficia?). Non é difícil de adiviñar.

O agora vixente, consolidado tras dúas décadas, é o único xeito de supervivencia, só iso, supervivencia, dalgunhas familias que manteñen poboación nese espazo rural. Será tan urxente desmantelarlles a vida? E, sobre todo, será xusto? Trátase de espir un santo para vestir outro. Alguén debe explicárnolo.

Comentarios