Os camiños da memoria

Xa se sabe que a asociación de ideas ten moito de vertolán e, por iso, cando o outro día nos enteramos da elección do novo Papa, cun algo de dificuldade nun primeiro intre, dada a particular dicción do cardeal encargado de anuncialo, o que pensamos non foi na novidade que representa pola orixe iberoamericana, nen sequer porque sexa xesuita, xente «de fiar», que dixo o atordado ministro señor García Margallo, en clara contradición co seu ilustre predecsor no Goberno, señor Mayor Oreja, que non destacou precisamente polo seu entusiasmo a prol do señor Arzallus, que foi algo máis que sinxelo alumno da Compañía de Xesus. Tampouco reparamos en que, quizais aparte do Espiritu Santo, o Colexio Cardenalicio estivera alumeado polo anterior ponrtifice, o cardeal Ratzinger, agora Papa emérito. Non; pensamos imediatamente na cidade de Buenos Aires, e na nosa presenza naquela urbe xusto cando faleceu o cuestionado cardeal Aramburu, tamén arcebispo bonaerense, ao que vimos de corpo presente na neoclásica Catedral Metropolitana, moi perto do Cabildo, na emblemática Praza de Maio. Unha casualidade: curiosaente non chegaban a media ducia as persoas que estaban ao redor do catafalco, mentras que no mausoleo do libertador xeneral José de San Martin, con guarda de gala no propio templo, amoreábase unha verdadeira multitude.

A cidade como tal, impresionounos agradablemente e tivemos ocasión de visitar algúns dos lugares máis chamativos, ainda que realmente unha boa parte do periplo estivo guiado polo acervo galego e galeguista da que foi chamada quinta provincia galega.. Naturalmente o impactante Centro Galego, cos seus salóns, biblioteca e sanatorio, que conserva intacta a habitación onde faleceu Castelao. Sabiamos do lugar onde vivira o rianxeiro, a través dunha fotografía publicada no número especial a el dedicado por A Nosa Terra: as pequenas árbores do paseo da rua Belgrano, do ano 1950, eran xa corpulentas árbores. Visitamos naturalmente o imesno cemniterio de La Chacarita e por suposto o espectacular Panteón Galego. E dedicamos algún tempo ao fermoso edificio da Federación de Sociedades Galegas, na rua Chacabuco, para realizar pescudas no seu arquivo. Nas proximidades do hotel onde nos hospedamos -o ‘Castelar’, na avenida Maio, que garda a memoria de Federico Garcia Lorca-, botamos tempo no café Iberia e soubemos das tirapuxas entre partidarios da República e dos sublevados, naqueles convulsos tempos. E, como fai case todo o mundo, xantamos nun par de ocasións no café Tortoni, na mesma rua que conecta a histórica Praza de Maio coa do Congreso. A mesa na que soia sentarse Luis Seoane, conta cun seu debuxo e unha placa que o lembra, o que trouxo á nosa memoria as polémicas e retesias entre bandos dos exiliados galegos. Algúns deles, con bastante rexouba, acostumaba referirse aos da outra fracción, frecuentadora do lugar, como «os mártires do Tortoni», segundo relata Bieito Cupeiro no seu documentado libro ‘A Galiza de Alén Mar’.

Como se ve, o mesmo que os do Señor, os camiños da memoria son tamén inescrutables.

Comentarios