Os cabalos congregaron centos de persoas na feira de Vilar de Donas

Concursos hípicos e actividades ambientais animaron unha xornada que chega á edición vixésima quinta
Un xinete sobre un dos exemplares que participaron nas probas
photo_camera Un xinete sobre un dos exemplares que participaron nas probas

A Feira Cabalar da Ulloa congregou ao longo do día do domingo centos de persoas en Vilar de Donas, atraídas polo espectáculo que sempre garante unha reunión de equinos. A edición 25ª non defraudou e os visitantes puideron desfrutar ao longo do día de probas e concursos nos que participaron preto de cen cabalos e burros.

Coincidindo co mediodía, un dos momentos de maior afluencia de público, celebrouse o concurso de beleza, que foi presentado por María Mera. Nel participaron exemplares de gran porte e outros de menor envergadura, pero moi ben engalanados e que estiveron á altura da competición.

A feira está organizada pola asociación de veciños A Capela, con especial colaboración de Davide Salvado e Daniel Pardo e apoio do Concello de Palas de Rei.

Os impulsores da cita quixeron chamar a atención sobre a necesidade de coidar a natureza, polo que organizaron también actividades ambientais.

Nenos dos colexios de Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla plantaron árbores coa intención de que no futuro haxa sombra no hipódromo de Vilar de Donas, onde os asistentes pasaron moita calor o domingo. Estes rapaces participaron previamente nun concurso de debuxos, que se expuxeron no recinto da feira.

A última hora da tarde entregáronse os premios das competicións. Os de andadura en dous tempos foron para Javier Gómez, co cabalo Falcón; Diego Cea, con Lorenzo, e Alba Ramos, con Perla. Os de trotóns recaeron en Álvaro Garea, con Duque; Jesús Rúa, con Zeus; Alberto Penas, con Richard; Jesús Rúa, con Rubio, e Javier Gómez, con Estrela.

En pura sangue inglés gañou Jenifer Crego, con Odosón, e tamén en pura raza árabe, con Pelayo. O resto de árabes premiados foron Sal Alem, de Adrián Mariño; Larch Corcel, de Hugo Puga, e Burca Gal, de Xoán Vites.

En cruzados gañaron Adrián Mariño, con Gaucho; José Mella, con Ninfa; Martín Carral, con Furia, e Alejandro Burgo, con Xaila. En cabalos do país, impuxéronse Borja González, con Mimosa, e Antía Blanco, con Lúa.

Na carreira de burros os primeiros foron Narcisa, de Antonio Aradas; Rulfo (que tamén levou un premio de beleza), de Luis Taboada, e Florinda, de Hugo Puga, que tamén levou o premio ao xinete máis novo, con doce anos.

No concurso de beleza compartiron o primeiro posto Lúa, de Damián Barona, e Alba, de Carlos López. A segunda foi Lluvia, de Javier Blanco, e o terceiro, tamén compartido, foi para Gante, de Davide Salvado, e Xena, de Xurxo López. Levou tamén un premio o poni Pinocho, que paseou en calesa a todos os nenos que o pediron.

Comentarios