Os bombeiros non deben atizar o lume

A PRUDENCIA é un valor importante para as persoas que exercen algún dos Poderes do Estado, sobre todo con respecto aos asuntos máis sensibles polo seu carácter ou polo seu impacto. Os asuntos relacionados có atentado terrorista do 11 de marzo de 2004 están dentro desa categoría especial, tanto por referirse a un problema de terrorismo como polos tremendos danos que causou, non só nas vítimas e nos seus familiares, senón tamén no conxunto da sociedade.

Por iso quedeime moi sorprendido polas declaracións feitas o pasado venres polo Ministro do Interior e polo Fiscal xeral do Estado.

Sorprendeume a dureza do ministro ao acusar aos sindicatos de insensibilidade e falta de respeto ás vítimas por ter convocado unha manifestación o próximo domingo, porque coincide co octavo aniversario dos atentados de Madrid. Pode que non sexa oportuna esa coincidencia de data, pero a manifestación de Madrid forma parte das convocatorias realizadas nun amplo número de cidades e corresponden coa semana na que se vai convalidar o decreto lei de reforma laboral no Congreso. As súas declaracións son unha descalificación non só para os sindicatos convocantes senón tamén para os que poidan participar nela para manifestar a súa oposición á reforma laboral. E deberá reflexionar o ministro cando una asociación de vítimas dese atentado vai participar nesa manifestación, pois a homenaxe e recordo das vítimas e a manifestación non teñen tamén por qué ser incompatibles.

Os calificativos empregados polo ministro, ademais de esaxerados e subxectivos, son sobre todo inaxeitados por proceder de quen ten as máximas responsabilidades na loita contra o terrorismo, pero tamén para encauzar nun sentido positivo a orde pública; de actuar de ‘bombeiro’ para calmar e reconducir os posibles conflitos antes que para espolealos.

Tamén quedei sorprendido polo anuncio do fiscal xeral do Estado de abrir una investigación sobre un posible vagón dun tren obxecto do atentado por se se tivera cometido un delito de obstrución á xustiza. A miña sorpresa non ten que ver co obxecto, aínda que parece ser discutible polos expertos o peso e fiabilidade das probas a obter despois de oito anos dos sucesos e da falta de control deses restos no caso de que pertenceran a ese tren, no caso de que non foran investigadas no seu momento. Ten que ver co modo de facelo, pois o fiscal xeral prefire facer o anuncio antes de comezar os traballos de modo discreto e poder avaliar a fiabilidade dese material. Deste modo parece darlle certa base á teoría conspirativa que fora descartada no xuízo celebrado hai xa uns anos. De novo o ‘bombeiro’ pode estar atizando os rescoldos do lume antes que investigando discretamente as causas dun incendio de resultados tan sensibles.

Comentarios