Os billetes de 500 euros e a economía diaria

Un informe publicado a semana pasada daba conta de que os billetes de 500 euros equivalen ao 65% do total de billetes e moedas en circulación en España.

Sorprende que nunha economía como a actual, na que gran parte das transaccións se realizan sen a súa participación, exista este volume de grandes billetes. E aínda mais nos sorprendemos si temos en conta que en España duplican o peso relativo que teñen no conxunto dos Países da zona euro. E  ademais que nos seis anos transcorridos desde a súa entrada en vigor o número destes billetes multiplicouse por case 9 veces en España, a un ritmo considerablemente maior que para o conxunto da eurozona.

Este elevado volume de billetes posto en circulación polo Banco de España responde ás demandas das entidades financeiras, que á súa vez atenden as peticións dos seus clientes.

Estes billetes non teñen cabida nas compras cotidianas, nin tampouco se obteñen nos caixeiros automáticos. Moitos cidadáns, entre os que me conto, non vimos nunca un billete de 500 euros. A maioría dos comercios nin sequera os admiten pola molestias e os riscos que supón ter tanto cambio. A pesar de todo, en España circulan máis billetes de 500 euros que de cinco euros.

A principal vantaxe destes billetes está no elevado valor contido nun reducido volume. Cando tiñamos a peseta algúns medían os millóns en quilos por ser equivalente a esa cantidade o peso de mil billetes de mil pesetas. Pero o euro reforzou ese poder de concentración dos grandes billetes, de tal modo que según os expertos un quilo de billetes de 500 euros contén uns 73 millóns das antigas pesetas, ou posto doutro modo o quilo do millón de pesetas son actualmente 12 billetes cun peso duns 30 gramos.

Se estes billetes non forman parte das operacións cotidianas da maior parte dos cidadáns e nas grandes operacións financeiras hai varios modos de conformar os pagos sen a presenza real do diñeiro, ¿por qué están presentes en cantidades tan elevadas?

Coido que a maioría dos lectores como eu temos a sospeita de que hai unha intención de darlle opacidade a gran  parte das operacións nas que participan, estando as sospeitas centradas en diversas formas de economía somerxida, en branqueos de capitais e de patrimonios opacos.

Isto parece evidente nas noticias da semana pasada, pois a Axencia Tributaria estima que un 70% das grandes operacións feitas con eses billetes son sospeitosas de fraude e que polo tanto entrarán nun proceso de investigación específico. Sabemos tamén que as entidades financeiras teñen que identificar aos cidadáns que realicen operacións en efectivo superiores aos 3.000, segundo a norma de prevención de branqueo de capitais.

Confiemos pois que existindo os instrumentos e as bases para actuar dentro de pouco nos vaian comunicando os resultados deses plans. Iso será unha boa noticia de que se van reducindo as posibles bolsas de fraude e de que tódolos cidadáns estamos a contribuír ao esforzo fiscal dun modo equiparable.

Comentarios