Os Berrogüetto pasan por San Froilán antes de actuar no Womex de Dinamarca

O Outro prato forte do venres á noite de San Froilán vén da man de Berrogüetto, un dos nomes senleliros da música galega, independentemente dos xéneros. O concerto será ás 23.30 horas na Praza da Horta do Seminario.

Berrogüetto, que acaba de celebrar o seu décimo quinto aniversario como unha das máis sólidas e coherentes formacións da música folk galega, presentarase no festival Womex 2011, que se celebrará en Copenhague (Dinamarca). diante dun auditorio integrado maioritariamente por promotores musicais, axentes culturais e prensa especializada de distintos países.

A banda atópase agora mesmo nun dos seus mellores momentos creativos, despois de publicar ‘Kosmogonías’ e de ter recibido o Premio de la Música 2011 á mellor canción en galego, e a poucas semanas de presentar en Galicia o libro-DVD-CD titulado ‘Berrogüetto. O pulso da terra’, realizado a xeito de biografía con música en directo.

Os directos de Berrogüetto adoitan ser un espectáculo garantido. A Lugo chegan por vez primeira coa nova formación, con Xabier Díaz no lugar de Guadi Galego, que lle outorga unha nova cor a un repertorio caracterizado pola conxunción entre a música tradicional e a modernidade. Abren novos horizontes para a música de raíz mediante a experimentación coa contemporaneidade ou a mirada á diversidade cultural como fonte de riqueza.

Comentarios