lunes. 01.03.2021 |
El tiempo
lunes. 01.03.2021
El tiempo

Os beneficios das enerxías renovables

O FOMENTO das enerxías renovables é un obxectivo importante da política enerxética, tanto no actual Plan enerxético de Galicia para os anos 2007 a 2012, como no específico sobre Enerxías Renovables existente en España para o período de 2005 a 2010.

O apoio a estas enerxías baséase tanto en conseguir un descenso da dependencia enerxética, como nos seus efectos ambientais, debido ao seu carácter renovable e á redución da emisión de gases con efecto invernadoiro, así como no apoio á posta a punto destas tecnoloxías que teñen unha importante proxección de futuro. Por todas estas razóns as enerxías renovables reciben distintos tipos de axudas por parte do Estado e das Comunidades Autónomas para facilitar o seu desenvolvemento tecnolóxico en forma de primas á produción eléctrica, de apoio ao investimento e de exencións fiscais. A elevada resposta a estas axudas é ben evidente no elevado número de proxectos presentados, que é moi superior ao do volume de potencia a distribuír e na formación dun mercado de compra venda de dereitos sobre as concesións asignadas.

O desenvolvemento dalgunhas destas enerxías, en particular a eólica, foi relativamente rápido desde comezos da década dos noventa, sendo Galicia unha das principais zonas de produción. A este desenvolvemento estanse incorporando nos últimos anos noutras Comunidades Autónomas a enerxía fotovoltaica e tamén comeza a desenvolverse, aínda que con máis lentitude e limitacións a produción enerxética da biomasa.

Deste xeito fóronse abrindo unhas novas oportunidades de xeración de valor e de actividade económica no medio rural, posto que a terra é o soporte para a súa produción co establecemento das estruturas especializadas dos aeroxeneradores e dos paneis solares, ou ben é o recurso que produce a masa vexetal que vai ser usada para a produción enerxética.

Polo momento estas oportunidades resultaron ser máis expectativas que realidades, posto que a maior parte dos beneficios quedaron nas empresas propietarias dos parques ou nos operadores que foron os adxudicatarios orixinais desas concesións e os revenderon con importantes plusvalías. No medio rural quedou unha parte moi reducida para os que eran propietarios das terras e foron tamén moi escasos os empregos xerados.

Entendo que a base desta distribución tan desequilibrada dos beneficios está na marxinación dos posibles proxectos impulsados desde as zonas rurais polas elevadas esixencias en capital, quedando despois baixo o poder dos concesionarios dos parques para a negociación do valor das terras afectadas e da compensación polas servidumes que ocasionan. Os baixos valores que perciben os que eran propietarios destas terras con relación ao valor da enerxía xerada proban a desigualdade no procedemento que existiu e na marxinación que soportaron.

Estes feitos foron amplamente criticados para que agora se poida esixir que non se repita a historia pasada nas novas adxudicacións de novas concesións eólicas que están a piques de realizarse, así como nas de centrais de biomasa que acaban de convocarse.

Os beneficios das enerxías renovables
Comentarios