Os amieiros morren de pé

Cada primavera vístense coa cor verde máis verde de tódalas cores verdes. Ameneiros, abeneiros ou amieiros. Alnus glutinosa para os que estudaron latín. Alisos para o bilingüísmo amable da Consellería de Educación. Os ameneiros son árbores humildes que medran nas beiras dos ríos. Agatuñan por riba dos vinte metros e din que a madeira é facil de traballar. A súa sombra, fonda e mesta, fai máis amable o paseo a carón do río.
Amigado con outras frondosas como carballos e freixos, forma bosques de ribeira.

Ama tanto a compaña da auga que busca coas raíces o seu contacto permanente. Xenerosa e calada, como tódalas árbores, devolve ecoloxicamente o favor: abriga e protexe as beiras dos ríos. Pero agora os abeneiros dos nosos ríos semellan baleas varadas nas praias do desvalimento. Cansas de vivir, deciden morrer. No curto tramo desde a Fábrica da Luz ata o final do Paseo do Miño hai centos de cadáveres de amieiros erguendo ósos de madeira seca cara o ceo. Din que se trata dun fungo que fala inglés e que como tódolos fungos ataca organismos debilitados contribuíndo ó equilibrio da natureza.

Somos ben capaces de colgarnos diplomas e crear organismos como o de Reserva da Biosfera Terras do Miño pola UNESCO en 2002. Creamos a Confederación Hidrográfica do Miño en 2008, pero somos incapaces de evitar a morte dos ameneiros que está a provocar unha desfeita ambiental. A deforestación pola seca masiva destes veciños vivos ten consecuencias desastrosas para a flora e a fauna. Acumula sedimentos que matan a vida do río. A elevación da temperatura da auga, a erosión e outros danos medioambientais acompañan a morte das árbores.

Así pasou anos atrás cos olmos ou umeiros. Diezmados os exemplares autóctonos da Península Ibérica e gran parte de Europa, agora só agroman cada primavera no cadaleito dos dicionarios.

Os amieiros xa non queren vivir na compaña dese bípede absurdo, lamentablemente humano, emperrenchado en emporcallar e destruír a natureza na que vive. Produce tantos millóns de toneladas de merda que ningunha Sogama é capaz de dixerir. Abrasa co lume miles de hectáreas (cada hectárea, un campo de fútbol) de árbores, xigantes bondadosos e calados que só devolven beneficios. É autor de agresións como o secado do río, nos canóns do Sil, Lugar de Interese Comunitario protexido pola Rede Natura, por unha empresa con licencia legal para matar ríos, vidas acuáticas e paisaxes. Os quilowatts non sei, pero a natureza non fala a linguaxe sucia dos euros.

Os ameneiros escolleron para vestirse a cor verde máis fermosa. Agora os corazóns quentes de madeira están  deixando de latir. Con eles esvaécense as cores da vida. Pódense ver os seus cadáveres estes días. Nas  beiras do Miño, que esvara silandeiro a carón de Lugo. Os troncos secos son dedos acusadores que se levantan contra o ceo. Nin sequera se dirixen contra nós. Se ninguén fai nada, no futuro vivirán só dentro dos dicionarios. Como os seus irmás desaparecidos, os umeiros.

Polo de agora os amieiros morren de pé. En silencio. 

Comentarios