Los alumnos del Ceip Rosalía de Castro pintan murales en las paredes del centro

A paisaxe local e a autora de 'Cantares gallegos' son os motivos elixidos para os debuxos
Algúns dos escolares que participaron nesta actividade promovida conxuntamente polo colexio e pola Anpa e impartida por Gus e David.
photo_camera Algúns dos escolares que participaron nesta actividade promovida conxuntamente polo colexio e pola Anpa e impartida por Gus e David.

Todos os escolares do Ceip Rosalía de Castro de Mosteiro participaron a pasada semana activamente na decoración das paredes do patio cuberto deste centro educativo polense, a través dun obradoiro impartido polos artistas Gus e David e promovido polo propio centro e pola Anpa.

«Queriamos ter o cole máis bonito e decidimos plasmar unha saída que fixemos polo Día das Letras Galegas, dende o nacemento do río Azúmara ata o colexio», explican os organizadores sobre a temática dos murais, nos que se recollen a natureza e a etnografía do concello de Pol, xunto ao nome do centro e o recoñecible retrato da escritora galega que lle dá nome. Non faltan tampouco os nomes dos pequenos artistas nun gran mosaico.

Os 45 alumnos do colexio polense foron os encargados de encher de cor uns debuxos que lograron mellorar significativamente o aspecto desta zona de xogos, tal e como salientou o director do centro, Indalecio Ramudo.

Equipados con brochas, pinceis e ata sprays, os escolares foron pasando por turnos, segundo a súa idade e o seu curso, pola área de traballo para colaborar na decoración das vellas paredes, nas que lle deron vida a pedras, árbores ou moitos animais.

PROPOSTAS

A maiores desta colaboración, a asociación de pais e nais e o colexio tamén teñen en marcha outras actividades, coma as clases de teatro e voleibol, que se están a desensolver na actualidade, ou as de fútbol, que xa remataron.

O Entroido e algunha que outra excursión son tamén propostas conxuntas do centro e da Anpa, ás que ademais se suma un obradoiro de baile tradicional, no que tamén se conta co apoio da asociación cultural Leña Verde de Pol.

Comentarios