Os alfocegos espertan a pantasma da Torre

Os que se criaron na saia do Castrodouro e da Torre do mariscal Pardo de Cela foron quen de poñer no mapa un mercado en Alfoz cheo de lendas

Graza aos descendentes do Castrodouro, un municipio case descoñecido do interior da Mariña como é o de Alfoz, de apenas 1.800 habitantes, conqueriu un lugar destacado no calendario estival. O seu mercado medieval, que xa vai pola súa dezanove edición, ben pode retrotraerse a esa época, xa que non en balde está moi vivo o castro e a chea de espazos museísticos da Torre do mariscal Pardo de Cela —"o innombrable, porque ninguén se atreve aínda hoxendía a falar sobre un noble do que se nutren as lendas"—. Para un dos seus organizadores, o presidente do grupo Raiolas, Luis Miguel Yáñez, o máis importante non é só que a cita acaba sendo un lugar de encontro para moitos alfocegos que viven fóra, senón que está a calar nos cativos e haberá relevo xeracional.

De feito, por primeira vez este ano, nenos e pais escenificaron pola tarde, no prado dos soños — 'de xogos tradicionais'— unha batalla na que os meniños representaron unha revolta irmandiña contra aos seus pais e avós que fixeron de nobres.

Despois do pregón que leu a querida mestra local Susi Paz, e do desfile de traxes, medio cento de rapaces foron nomeados escudeiros do castro e recibiron medallas elaboradas por Ángel Vizoso nun acto que contou, como non, coa presencia do Mariscal —encarnado por Pepe Peinó—, a súa dona Sabela de Castro —Raquel Amieiro—, e a súas nobles fillas Beatriz e Constanza —ás que interpretaron Sarai e Lidia—. O séquito tamén contemplou os torneos a cabalo entre os Cabaleiros de Alfoz, que competiron cos de Soutomaior ou cos da Casa de Andrade. Non faltou á cita o bispo daquela, de 1483, Fadrique de Guzmán, interpretado polo burelés Matías Nizieza.

A primeira obra que representou en 2001 o grupo Raiolas, que fora fundado entre outros pola propia pregoeira, baseouse nun texto de Manuel Lourenzo que estaba presente na festa do seu pobo, ao igual que outros actores, coma Luís Iglesias, de Riotorto, e políticos de diversa cor coma o deputado Jaime de Olano ou a alcadesa de Lourenzá, Rocío López.

As panadeiras, coma as irmáns Inmaculada e Geni Prieto, non pararon de preparar máis de 40 fogazas na xornada e de alomenos mil bolos preñados, mentres Moncho dos Quintíns e os seus servían aos clientes na Fonda dos Cabaleiros.

Case un millar de comensais asistiron á unha cea medieval na contorna da fortaleza na que, como mandaba a tradición, as mazás foron o postre. Fíxose conxuro e queimada, non en balde, este é un lugar máxico onde o tempo se detén. A Irmandade de Tambores do Bispo Ramiro II de Mondoñedo e o concerto de Zurrumalla amenizaron a velada, entre outros grupos e mesmo veu un monxe cun carro de prantas menciñeiras.

Comentarios