Os africanos que falan como nós

UN COMPAÑEIRO dunha universidade estranxeira pediume recentemente información sobre a colonia caboverdiana residente en Burela. Días máis tarde, seguramente motivado por esta circunstancia, asistín en Lugo ao recital e conferencia do escritor desa mesma nacionalidade, Silvino López Évora; a súa poesía soa particularmente fermosa no portugués africano de suave e agradable acento. Durante o coloquio, dixo algo que non deixa de sorprender: "A pobreza de Cabo Verde salvounos de cousas peores". Efectivamente, estas illas, situadas ao sur das Canarias, e próximas ás costas de Senegal teñen poucos recursos naturais. Ademais son constantemente azoutadas por fortes ventos que apenas achegan humidade. En ocasións, as secas duran anos enteiros, arruinando a súa escasa agricultura. Nestas condicións, non é de estrañar que as súas xentes se lanzaran á emigración, como sucedeu con outras rexións secularmente pobres, caso de Galicia ou Irlanda. Precisamente, fai unhas dúas semanas saía á venda o último Premio Planeta, unha novela de Ángeles Caso baseada na vida real dunha caboverdiana que un día tomou rumbo á Península Ibérica, buscando a case sempre esquiva fortuna. Cal é, entón, a vantaxe para este país de ser pobre? Pois que esta circunstancia deixouno a salvo dos avatares políticos que caracterizaron a historia máis recente do continente africano, logo da descolonización. Veciños como Ghana, Conakry ou Liberia coñeceron varios golpes de estado na súa curta historia. Serra Leona sufriu nada menos que seis golpes en só trinta anos. Máis significativo aínda é o caso de Guinea-Bissau, que formou con Cabo Verde unha soa colonia durante o mandato portugués, e que foi arrasada ata por cinco revoltas desde os anos oitenta; as dúas últimas foron especialmente arrepiantes xa que os respectivos presidentes resultaron mortos a sangue frío, un por arma de fogo e outro a paus. Fronte a este historial, a evolución de Cabo Verde é envexable; desde a súa independencia en 1975 tivo tan só tres presidentes, que se foron sucedendo pacificamente. A maiores, semella sorprendente que os caboverdianos, sen unha rica agricultura, petróleo ou diamantes, como teñen os seus veciños, están á cabeza de África en renda per capita, no posto número once. Mentras tanto, os seus antigos irmáns e compatriotas de Bissau quedan ao final da lista, no posto corenta e oito, entre os dez máis pobres do mundo. Sen ningunha dúbida, Cabo Verde ten o seu maior mérito en ter sabido facer da necesidade virtude.

Comentarios