Ortodoxia ou tolerancia


Unha vez máis puiden ver nesta nosa provincia que foi a igrexa católica a que mellor soubo facer campaña. Despóis de 2.000 anos presentándose ante o público, é natural que teñan máis táboas que calquera dos seus competidores, veñan estes da esquerda, a dereita ou o centro. Sempre hai quen se aferra a ese precepto caduco e trasnoitado de que a igrexa non debe meterse en política –e menos cando vive a costa do estado- pero eso sería deixar abandoada á catoliquísima España, sempre necesitada das atencións de curas e prelados.

Resulta inmoral a influencia da igrexa na política? Pois non. A xerarquía da Conferencia Episcopal non pode inhibirse xa que sería máis pecado permitir os desvíos e desvaríos do goberno que tomar partido e denuncialos. Un cura de Carballedo deu unha maxistral lección desta nova mentalidade católica baseada na acción: Resulta que o párroco esqueceu que era vixilia e pediu un chuletón nun restaurante. Ó pouco chegou outro cura que, ó velo comendo, dixo “pero como se che ocorre comer un chuletón en vixilia? Menudo pecado!” ó que o glotón contestou “mira, compañeiro, máis pecado sería deixar unha carne tan boa no prato”. E zampouno. Din que van cambiar a gula pola avidez política.

Non sei se tivo algo que ver, pero o certo é que dous días despois de celebradas as eleccións en España, os dirixentes do Vaticano sacaron unha lista de accións que pasan a ser pecado. Aducen, para xustifica-la lista, que as sociedades occidentais perderon o sentemento de culpa que debera caracterizalas. Cando os grupos sociais pasan por problemas, poden optar por abrirse e rectificar partes do seu discurso ou poden profundizar na ortodoxia e empezar a cortar cabezas por crer que a debacle se debe á perda da pureza. Un exemplo desa profundización na ortodoxia vivímolo en Galicia. De golpe e porrazo, o nacionalismo decretou que os deputados e senadores electos polo PP e o PSOE nas catro provincias non só perden a súa condición de galegos senon que pasan a ser culpables de ir a Madrid a traballar en contra do país. O outrora poderoso señor Cacharro tivo que oir unha bronca dun ouvinte nunha tertulia radiofónica por opinar que Joaquín García ou Xosé Blanco defenderon e van defender a Lugo no Congreso.

Ós sectores radicais da igrexa e do nacionalismo recomendaríalles a novela “Os deuses teñen sede” de Anatole France para que se fagan unha idea das desgracias ás que pode levar ós seres humanos unha excesiva busca da pureza, sexa esta da clase que sexa.

Comentarios