Oriente

Un famoso cantante español lamentábase de que o peor da crise en Exipto é que xa non quedan turistas visitando as pirámides. Aínda menos afortunadas foron as palabras de José María Aznar, que declarou estar máis preocupado polos intereses occidentais na rexión que pola liberdade que piden os exipcios. Dito doutra forma, para el abonda con que haxa democracia en Europa e América; os demais quizais non a merezan. Este discurso de Aznar sorprende por ser moi antigo. No seu momento serviu para xustificar o colonialismo, cando políticos, filósofos e clérigos afanáronse en xustificar que Europa tiña dereito a ocupar unhas terras que estaban poboadas por xentes inferiores. Ata se chegou a debater se eran merecedores de coñecer a doutrina cristiá. Finalmente, chegouse á conclusión de que colonizalos sería beneficioso para ambas as partes. Os europeos obtiñan materias primas baratas e os nativos recibían unha ‘cultura’ superior. Para xustificalo, inventaron todo tipo de mitos sobre o salvaxismo daqueles pobos de África e Oriente.

A idea favorita do imperialismo foi retratar ás súas xentes como caníbales, co que se reducía a súa humanidade á mínima expresión e xustificábase a tarefa de sometelos. Estes días proxéctase nos cines a excelente película de Icíar Bollaín ‘Tamén a choiva’, onde vemos a Colón comunicando aos sorprendidos indíxenas que deben obediencia a un descoñecido rei español e que han de converterse a unha nova fe relixiosa. Como non conseguiu convencelos polas boas, aplicou a man dura. Hoxe ninguén aproba aqueles feitos. Ou case ninguén, porque entre algúns segue vixente a idea da superioridade dos occidentais. Aznar, por exemplo, non tivo dúbida en sinalar que os musulmáns teñen dificultades para adaptarse ao mundo moderno e, xa que logo, esas peticións de democracia e liberdade non pasan de ser un xogo bonito, aínda que perigoso, fundamentalmente para os nosos intereses (supoño que está pensando no petróleo ou nos seus amigos israelís).

Con todo, como Aznar viaxa moito, sabe que hai unha parte importante da sociedade musulmá que non ten nada que envexar en preparación intelectual e sofisticación a calquera europeo. Non creo que algúns dos mozos españois adormecidos polo botellón da fin de semana, ou os exaltados comentaristas de certas cadeas de televisión estean en mellores condicións de sustentar unha sociedade democrática que eses miles de tunisianos ou exipcios, moitos cos seus títulos universitarios debaixo do brazo, que reclaman a súa liberdade a pé de rúa.

Comentarios