Oriente

A parte este da provincia de Lugo é, para min, unha das máis bonitas de Galicia. As serras do Courel e dos Ancares, os olivares de Quiroga e Ribas do Sil, as paisaxes da Fonsagrada, a cauce do río Eo, a forma de falar coas terminacións in e ois (por onde os muíns pasaron os camiois... e que se coñecía cando eu estudaba como o Bloque Oriental... Probablemente o feito de ser a máis despoboada fai que a multitude de aldeas en moitos casos de só un ou dous habitantes lle dean ese encanto tan especial.

Nesa área vemos tres formas moi distintas de relacionarse o home e a natureza e non sempre de xeito satisfactorio para ámbalas dúas partes ou polo menos con desavenencias entre os humanos. Nos Ancares preténdese crear un parque natural que ten soliviantados a algúns veciños de Navia de Suarna. Consideran, non sin certa razón, que a implantación do parque vai limitar o uso do terreo para as labouras agrícolas que ata o de agora viñan realizando: cortar leña, empregar certos abonos, facer queimas... Din que desexan manter a súa tradicional forma de vida e que non cren que o parque vaia traer postos de traballo nin beneficios económicos. Supoño que o tempo dará e quitará razóns pero recoméndolles que cambien a unha das súas voceiras porque é tan ofensiva que resulta perxudicial para a causa.

Unha situación distinta vívese entre A Fonsagrada e o mar Cantábrico. Alí vense de poñer a funcionar a Reserva da Biosfera Oscos Eo-Terras de Burón. Sete concellos galegos e sete asturianos traballan xa nun proxecto que pretende “poñer en valor” expresión utilizada  por moitos políticos e que adoita equivaler a nada as condicións naturais dunha comarca na que viven persoas. Na primeira reunión acordaron invertir un millón de euros en logotipos e sinais. En principio, a Reserva non vai supoñer ningunha traba para as actividades económicas que se veñen realizando e vai aportar turismo ecolóxico e un aire máis limpo, supoño. Hase saber.

E no Courel asistimos ó tradicional enfrontamento defensa da natureza versus intereses económicos. Os ecoloxistas din que minas como a xa existente da Campa ou a futura de Santa Eufemia esnaquizan unha paisaxe única e protexida pola Rede Natura. Os veciños, que viven demasiado lonxe de calquera lugar, argumentan que as minas deixan un beneficio económico que lles compensa da falta de alicientes que ten a vida no lugar. Gústavos o sitio, eh? Se vivirades aquí todo o ano... Turistas!. 

Tres situacións tan distintas en tan pouco terreo, o comprendido na zona oriental.

Comentarios