miércoles. 25.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 25.05.2022
El tiempo

Operacións e operadores

OS contactos con eses amigos que viven en lugares máis ou menos afastados e cos que seguimos mantendo unha boa relación soen ser, polo xeral, máis ben esporádicos e case sempre motivados por cuestións puntuais: parabéns no caso dalgún acontecemento agradable, condolencias se é de signo contrario, aniversarios, onomásticas, algunha visita túa ao lugar de residencia deles e ao revés, están agora medrando en número e acurtando na súa frecuencia, polo menos no meu caso. Diráseme, e con toda a razón, que iso é cousa agradable e que di moito da amizade coa que esas persoas me honran. E eu non ousaría dicir o contrario por máis que desta volta teña, como teño, a sensación de que, ademais do aprecio que ben sei que me gardan, andan por tras bulindo outras intencións unha miga menos afables.

Un, desde Barcelona, di: «Ou sexa que nós aquí protestando pola diminución do número de operacións que motiva a chamada política de austeridade do goberno da Generalitat e vós en Lugo, onde, segundo os de aí dicides, nunca nada pasa, veña ‘Operación Carioca’, veña ‘Operación Campeón’ e, supoño, algunhas máis aínda, e cada unha delas, polo que se ve, producindo unha longuísima restra de graves efectos secundarios que levarán, sen dúbida, a novas intervencións durante quen sabe canto tempo...». E ti escoitas resignado, facendo por participar da mellor maneira no que de humorístico poida ter tan pouco elaborado xogo de palabras e de pouco vale que lles fales do San Froilán, da boa marcha do Club Deportivo Lugo ou da inxustiza que supón que esta nosa sexa a única provincia marítima que non ten iso que chaman Autoridade Portuaria porque, sexa este mesmo amigo, ou a amiga de Bilbao, o colega de Albacete ou calquera outro, volverán co das tan sonadas operacións e o das súas secuelas.

Non sei se iso que din dos beneficios que conceden eses minutos de gloria que supón aparecer pola televisión ou na primeira plana dos xornais ten algo de certo pero, polo menos neste caso, non parece que ese sexa o camiño mellor polo que debamos transitar os lugueses se non queremos acabar servindo de carnaza nas nasas pouco limpas dos que se dedican a atraer peixes lamacentos. Certo que non temos unha voda ‘decrépitoducal’ que ofrecer en colores aos mass media, nin podemos aspirar a que o señor presidente do Goberno nos poña aquí, con aleivosía,claro, unha base de mísiles desde a que nos defender dun indeterminado perigo e que nin tan sequera teriamos onde argallar cun mínimo de garantías un plató no que filmar algún capítulo novo de ‘Os Soprano’ co que contentar a determinados comentaristas televisivos e certo tamén que non podemos -nin debemos- ignorar as ‘operacións’ nas que agora andamos..., pero tampouco non é cousa de que por causa delas se teñan ocupados durante tanto tempo case todos os quirófanos.

Operacións e operadores
Comentarios