Opaiii Canido!

Esta fin de semana levouse a cabo unha das actividades máis impresionantes ás que teño asisitido. Foi en Canido, un barrio de Ferrol, o típico barrio de vello onde toda a xente se coñece e que non deixa de ser unha aldea dentro de Ferrol por ese carácter veciñal que aínda conserva. A día de hoxe as aldeas andan a ser abandoadas e o mesmo lle pasa a Canido. Algunhas das casas desocupadas tamén están esteticamente descoidadas e abandoadas: sen pintar, deixando que as paredes caian a anacos, agardando o derrube do exterior do mesmo xeito que sucumbiu o interior...

Neste agosto uns cantos artistas decidiron mudar o aspecto do barrio facendo o que mellor se lles dá: pintar, e escolleron pintar Meninas nas paredes das casas, ben por ser facilmente recoñecibles, ou, ao igual que as Marías teñen o seu monumento en Compostela, facerlle a súa propia homenaxe a algunha veciña de Canido. A idea ben podería ter como lema unha frase que acompañaba a unha das meninas pintadas “A miña patria é o meu barrio”, expresando así que o lugar que habitas ben merece os teus coidados, afecto e agarimos.

Un veciño decidiu facer un mural protestando por unha antena tapando a obra de Jorge Cabezas, e fixo ben porque foi o detonador para argallar a convocatoria deste 20-S co apoio do Concello e o esforzo de Gustavo Sequeiro e Eduardo Hermida: que Canido fose o foco de atención coa participación dos veciños,coas Meninas, con todo aquel que quixera pintar, con actuacións musicais, coa colaboración masiva dos veciños á hora de ceder muros, cos nenos a pensar se as paredes das súas casas tamén se poderían pintar, con ferroláns doutras partes da cidade a redescubrir de novo Canido. Notábase un ambiente especial e por un intre as cousas foron como teñen que ser, os veciños comprendendo como debería ser o seu barrio: cos especuladores inmobiliarios (agora en horas baixas) lonxe, con accións culturais nas que participar, con ausencia de manipulacións políticas que prometen e prometen e non fan. Esta conciencia de ser responsables do sitio onde vivimos exprésase na rede a través dos blogues dos barrios das cidades nas que vivimos, agrupando aos veciños para mellorar o seu entorno.

Eu este sábado quixen ser de Canido e, como dirían eles, opaiii!!!

Comentarios