viernes. 20.09.2019 |
El tiempo
viernes. 20.09.2019
El tiempo

Onde van os cartos?

O problema cos euros é que hai magnitudes que non collen en cabeza humana. Canto veñen sendo 67 mil millóns? Os medios sementan cada día cifras que non significan nada, pero contar contan. O que fica inmutable é o principio: na materia sucia dos cartos, os euros nin se crean nin se destrúen, cambian de mans. Por iso a xente pregunta: onde van os cartos?

O noso goberno toma as medidas que lle dictan desde fóra. Nunha lista de recortes apresu- rada, anotamos a conxelación do soldo dos funcionarios; a paralización das oposición á función pública; o aumento da xornada laboral; a redución do 20% das subvencións á patronal, partidos e sindicatos; os recortes de 9.000 millóns nos ministerios; a paralización da lei da Dependencia; a supresión da renda básica de emancipación… Respiramos un pouco para preguntar: onde van os cartos deses recortes?

Hai máis: subida do IRPF e do Ibi, aumento do copago farmacéutico, supresión da tarxeta sanitaria para inmigrantes, aumento da ratio de alumnos por aula, subida das taxas universitarias, medicamentazo, taxas xudiciais, 417 medicamentos sen subvención...

Non hai cartos que cheguen por máis que se aforre. A Troika di que o goberno vai na boa dirección (a súa) pero que hai que axustar máis. E axustan suprimindo a extra de Nadal, quitando a desgravación por compra de casa, subindo o Ive, pechando 15.000 camas hospitalarias este verán... Pero hai que afondar nunhas reformas que petan sempre no lombo dos mesmos: traballos que non sacan da pobreza.

O goberno central pide ás auto- nomías un ‘brainstorming’ de ideas: aportan 255 recortes máis. Levan os gobernos autonómicos tantos anos cortando cintas, asistindo a festas gastronómicas e creando redes clientelares que botan a pedra e agochan a man: que o goberno central recorte e suba impostos. A culpa é de Madrid.

Das medidas que sacan os cartos dos petos da xente sálvanse as que afectan aos políticos. Cos privilexios dos europarlamentarios a piques está de rebordar o vaso da cólera. Non se toca a pesada maquinaria institucional. Medra a máis numerosa flota de coches oficiais do mundo. Misterio máis grande que o da Santísima Trinidade é o número de asesores políticos. Permanecen vixentes organismos pintorescos. Aumenta a pobreza, sacamos o pan da boca dos nenos ao tempo que medra o comercio do luxo e o número de millonarios. E segue intocable un sistema fiscal obsoleto e radicalmente inxusto que oprime á maioría pero non toca os máis ricos. Aseguraron que o saneamento do sistema bancario non había de costarnos un euro. Ben certo: levamos investidos 67.000 millóns de euros nos bancos privados e banqueiros de moral distraída. Apenas recuperaremos o 4%. Nin fai falta preguntar onde van os cartos: só cambiaron de peto.

Onde van os cartos?
Comentarios