Onde se escribe o nome de Deus (I)

NOS autob uses, para afirmar a súa existencia ou para dubidar dela, anda (ou andará) estes días por Madrid, Barcelona e Valencia o nome de Deus. É máis rotundo o anuncio dos crentes ("Deus existe. Goza da túa vida en Cristo"), resposta ao dos ateos ou agnósticos. O destes reflicte, na súa brevidade, o subconsciente de quen o redactou. "É probábel que Deus non exista. Agora deixa de preocuparte e goza da túa vida". O "é probábel" non deixa de ser a marca do agnosticismo. Un ateo afirmaría categoricamente que Deus non existe. Supoño que se trata dun slogan consensuado xa que á iniciativa sumáronse uns e outros. O de "deixa de preocuparte e goza da túa vida" fala ás claras da idea dun Deus vingativo, posto aí para lle amolar a existencia aos humanos. Ese é o pouso que quedou das prédicas de cregos e teólogos. Consonte esa imaxe tan pouco suxestiva, mellor que Deus non exista. Desbotar a idea da súa existencia sería, cando menos, un principio de saúde mental.

Non concordo cos que queren ver nesta chamada á felicidade un apelo a facer todo tipo de falcatruadas porque, morto ou matado o supremo xuíz, estas quedarán impunes. Ser crente non sempre garante, por desgraza, unha conduta mellor. O ben e o mal, o coñecemento das súas por veces escuras fronteiras, non é privativo duns nin doutros. A voz da conciencia, con maior ou menor volume, máis grave ou máis aguda, acompáñanos a todos. Ben é certo que sempre ha responder a como nola programaran a nosa educación, as nosas experiencias e o noso razoamento.

Eu creo en Deus. Queda dito. Respecto aos que non cren. Tamén queda dito. Nembargante, nada me amola máis que a autosuficiencia dos que consideran estúpido, ou mesmo propio de seres inferiores e atrasados, acreditar nun ser supremo que explique a orixe e o sentido da vida. Fican moi lonxe na memoria as ‘Cinco Vías’ de Tomé de Aquino. Mais se pescudo aínda lembro, entre outras, a da causalidade. Aquilo que cantabamos na catequese: "El reloj lo hizo el relojero / y el mundo lo hizo Dios, / no hay reloj sin relojero / ni mundo sin Creador". Parece ser que os de Santo Tomé son os argumentos máis racionais que se teñen esgrimido para demostrar a existencia de Deus. Mais eu prefiro outros, se cadra máis viscerais e tamén máis próximos ao argumento ontolóxico de San Anselmo. Para o de Canterbury, a propia idea de Deus implica a súa existencia. Como se a idea da existencia da Atlántida implicase que esta tivese que existir, cousa ben discutíbel.

Para min o nome de Deus está escrito na felicidade que me produce lembrar os que quero e xa non están. Non sería posíbel sen acreditar nun reencontro. E na necesidade de que alguén, como di nalgún sitio do Evanxeo, enxugue as bágoas de moitos corazóns. Aínda que isto non poida ser pretexto para non loitar por un mundo mellor, Alguén ten que garantir que moitas vidas, perdóenme a expresión, non foron unha putada.

Comentarios