As 18 tapas

Once días de sabores para Díaz Castro

A quinta edición do concurso de tapas Que Bo Estás Guitiriz!, que organiza De Bares ata o 19 coa participación de 18 locais, doará cinco céntimos de cada prato servido á asociación Xermolos para rehabilitar a casa do poeta vilarego

A quinta edición do concurso de tapas Que Bo Estás Guitiriz! xa é unha realidade. O certame, que este ano suma a participación de 18 establecementos de hostalaría do casco urbano guitiricense e tamén de Pardiñas, Parga e Os Vilares, deu comezo o pasado xoves 9 e prolongarase durante once días, ata o domingo 19.

Tal e como xa se fixo en anteriores convocatorias, o certame terá unha vertente solidaria, de maneira que por cada tapa servida se doarán cinco céntimos á asociación cultural Xermolos, co obxectivo de contribuír á salvación da casa natal do poeta Xosé María Díaz Castro nos Vilares.

A este fondo tamén se sumarán as achegas que fagan os clientes nos petos habilitados en todos os establecementos, así como contribucións particulares de cada bar, xa que algúns, por exemplo, doan tamén as propinas destes días.

Os socios de De Bares, a asociación de hostalaría guitiricense que promove o concurso de tapas -coa colaboración de Kantero, Distribuciones Morandeira e Estrella Galicia-, apoiaron unanimemente esta iniciativa e tamén respaldaron algúns dos cambios que ofrece a edición deste ano.

O público poderá optar a 800 euros, segundo os establecementos que visite, repartidos en sete premios que van de 50 a 300

Un deles é o prezo da tapa, que pasa a ser de dous euros, coa posibilidade de saborear a tapa conxuntamente co viño Casa Moreiras da Ribeira Sacra -os hostaleiros fixeron unha cata na que elixiron este caldo- por 3,5 euros.

Tamén se ampliaron os premios aos que optarán os clientes por valorar cada tapa -terán a súa disposición en todos os locais folletos para outorgar de un a cinco puntos a cada proposta-, que ascenden a 800 euros, repartidos en sete distincións.

Así, aqueles clientes que completen a ruta e proben todas as tapas entrarán no sorteo de 300 euros. Os boletos desta categoría que non resulten premiados e todos aqueles que conten con 14 selos poderán gañar 200 euros, mentres que para optar ao terceiro premio, que ascende a 100 euros, será necesario ter visitado unha decena de establecementos.

Coa idea de que todos aqueles que só poideron gozar un día das tapas tamén poidan optar a algún tipo de recompensa, tamén se fixaron catro cuartos premios de 50 euros cada un, a sortear entre aqueles que teñan seis selos. Ademais, todos os premiados obterán botellas magnum de Casa Moreiras.

Para entrar nestes sorteos, ademais de cumplimentar correctamente os trípticos, sempre será necesario ter, polo menos, un selo dalgún local de fóra do casco urbano.

As distintas propostas poderanse saborear todos os días de 20.00 a 23.00 horas, horario que se amplía ao mediodía das fins de semana, de 13.00 a 15.30 horas. Hai que ter en conta que os locais Zeus e Titanic non ofrecerán tapas aos mediodías e outros establecementos están pechados algúns dos días do concurso: Centro (martes), A Roda (luns) e A Capela (domingo).

Comentarios