Ómnibus de antano

O CONCEPTO de arqueoloxia industrial, acuñado xa hai bastantes anos, é hoxe algo bastante ben percibido, sobre todo contando co exemplo de determinadas recuperacións que serven de mostra paradigmática. Realmente, hoxe xa se fala de patrimonio industrial, un amplo concepto que abranxe non só os vestixios inmobles, senón tamén todas as realizacións conexas, incluidas as vias de comunicación e, mesmo, os transportes. E a iso imos.

Un grupo de xente inqueda, que encabeza Moisés Gómez Vázquez, ven de editar un libriño con ampla información e abondoso material gráfico, sobre a empresa de transporte por estrada, xa desaparecida, Ideal Auto, pero que tamén inxire entidades como as empresas Ribadeo, El Celta, El Rápido. El Noroeste, Entidad Única e outras. Na presentación da obra, os autores din que cada quen debe porlle banda sonora á recopilación histórico-industrial, oferta que recollemos, ainda que se nos remontamos ás máis recuadas lembranzas como usuarios dos autobuses de liña, debemos sinalar que a música compoñiase de actuacións en directo, procedentes dos usuarios de aquel servizo, unha curiosa convivencia móbil con moita xente e algúns animais domésticos, de tal xeito que só faltaría un émulo de Olivier Messiaen para unha completa transcripción de aquel multicor e variado balbordo procedente de paisanos, estudantes, clientes de feiras e mercados e dos médicos da capital, viaxantes en tránsito e algúns pitos, co engadido de laranxas e madas de hortalizas. Naturalmente as xeracións devanceiras poderian engadir o fondo sonoro dos brados procedentes da parte de popa dos autobuses mixtos, e do estrondo na baca ateigada da xente máis nova e destemida.

Tanto o libro coma unha exposición que tivemos ocasión de visitar, son unha verdadeira ledicia para a lembranza, e desde logo para o mellor coñecemento dunha época recuada, pero non tanto, que nós tivemos oportunidade de contemplar durante algún tempo como veciños da vila na que se asentaba unha das máis importantes entidades de transporte de viaxeiros, a Empresa Ribadeo. Tanto a información coma os documentos fotográficos permiten reparar en feitos moi característicos de aqueles anos, tais como a longa duración, con varios carrozados, das unidades, moitas delas os míticos da marca suiza Saurer, retratados nas máis diversas circunstancias e vicisitudes: os asolagamentos da Veiga en 1969, unha nevada en Lindin, e exhibidos nos Cantóns da Coruña, ou na barafusta da Porta da Estación de Lugo á beira do mítico café Metropol, na actual rua Castelao. E logo os daquela modernísimos Leyland Royal Tiger carrozados por Barro-Chavín. E naturalmente os revisores e mais os chóferes, algúns deles verdadeiras persoalidades da nosa infancia como Sastrillo ou O Valego, aos que sempre se lles entregaban as unidades máis modernas. En suma, un excelente e novidoso traballo.

Comentarios