Olga Osorio: "Monforte ten que estar orgullosa do seu Fancine de Lemos"

A directora da curtametraxe ‘'Restart', luguesa de nacemento, reside actualmente na Coruña, onde imparte clases de Realización Audiovisual e de Dirección de Fotografía na facultade de Comunicación Audiovisual e na Escola de Imaxe e Son
Olga Osorio
photo_camera Olga Osorio

‘Restart’ é o título da mellor curta galega no festival de cine fantástico e de terror Fancine de Lemos. Levouse un dos tres premios que se entregan no certame cinematográfico celebrado en Monforte. A luguesa Olga Osorio é a súa directora e guionista, ademais de produtora xunto a Juan Galiñanes.

Fálenos un pouco de ‘Restart’.

Trátase dunha curta cunha duración de quince minutos na que a súa protagonista permanece atrapada nun bucle temporal. As viaxes no tempo son o tema principal.

Estará moi contenta polo premio recibido.

Contentísima. Gustoume moito o Fancine de Lemos. É unha iniciativa estupenda darlle este recoñecemento oficial á gran tradición de fantasía que temos en Galicia. Nunca lle prestamos atención, pero o xénero fantástico entrou na península polo noroeste grazas á literatura e a autores coma Valle-Inclán ou Álvaro Cunqueiro.

Asistira con anterioridade ao Fancine de Lemos?

Non, porque resido na Coruña e estas datas son algo complicadas para min. Sempre me pillan na preparación do curso. Si que sigo o festival, estou atenta a todo o que fan e coñezo as súas seleccións de curtas. Monforte ten que estar orgullosa do seu Fancine. Ten pinta de que vai converterse en referencia. Algunhas das curtas que vin nesta edición parecéronme dun nivel impresionante. Tamén me gustou que non foi só un lugar onde se emitiron curtas, senón un espazo de diálogo para que a xente deste campo se coñeza.

Cal está a ser a acollida do público, tanto en Monforte coma noutros lugares?

‘Restart’ está a ter unha moi boa traxectoria. Xa a expuxemos en máis de setenta festivais. Onde máis éxito está acadando é en Estados Unidos. Aínda non sei moi ben por que, pero alí é onde máis está gustando, onde máis premios está levando e onde está asistindo a máis festivais. Levou premios en Minnesota, Miami, Los Ángeles ou Phoenix. Sorprendeume, porque é unha curta que non está rodada con moito presuposto e os estadounidenses teñen máis cartos ca nós para isto. Pero polo que sexa está funcionando moi ben alí. Celébranse moitas convencións de fantástico por toda a xeografía de Estados Unidos e estivemos presentes en moitas delas. Non podo estar máis contenta. Por outra banda, a curta foi estreada en Sitges o ano pasado en sesión oficial, o cal foi un soño cumprido porque é o meu festival de referencia.

Parece que pouco máis se pode pedir.

‘Restart’ está indo moi ben, e iso que non é unha curta fácil porque ten certos ingredientes experimentais ou de autor. Non é excesivamente comercial. Malia iso, está gustando.

En Sitges tamén lle foi ben?

Só entrar en Sitges xa foi un éxito. É o festival de cine fantástico máis importante de España e probablemente do planeta. Recibe curtas de todo o mundo e seleccionan moi poucas. Nós fomos finalistas. Ademais, tódolos anos fan unha selección das curtas emitidas na edición anterior e pasaron ‘Restart’.

Como está o mundo audiovisual en Galicia?

Por un lado vexo unha saúde excepcional desde o punto de vista creativo. Tivemos xente en festivais tan importantes coma o de Cannes e houbo éxitos incribles no aspecto comercial, como a película ‘El Desconocido’. Polo outro, o momento é moi difícil económicamente. O noso sector é moi pequeno e relativamente novo, porque o audiovisual galego só ten 25 anos. Cando houbo un auxe e xurdiu a ambición por facer produtos importantes veu a crise, que descabezou o sector, e o apoio institucional podía ser máis e mellor. Case é un paradoxo, estamos nun momento marabilloso pero tamén en risco de desaparición. Sei que sairemos adiante porque a xente deste sector ama o que fai. O noso é vocacional.

Comentarios