Olga Novo: ''A la poesía profunda se accede por la vida, no por los libros''

Olga Novo, nunha visita a Monforte
photo_camera Olga Novo, nunha visita a Monforte

Di que o amor é a súa fonte de inspiración e que nese amor se inclúe o amor polo seu pobo, Vilarmao, en A Pobra do Brollón. Un pobo que recoñeceu a súa valía bautizando o centro cultural co seu nome: Casa da Cultura Olga Novo.


OLGA NOVO (Vilarmao, A Pobra do Brollón, 1975) é unha coñecida poeta e ensaísta licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Mañá presentará na súa terra natal o poemario ‘Cráter’.

En que consiste a obra?

É un libro de poemas que exalta a beleza, a vida e o amor como motivos de liberación humana integral. O título ten que ver coa miña propia concepción da poesía. Un cráter pode ser a boca dun volcán e tamén producirse, coma os cráteres da lúa, polo impacto dun corpo astral. Para min a poesía é un impacto e é ao mesmo tempo a posibilidade íntima de expansión do sentir e do pensamento, é dicir, da linguaxe profunda. Así, o libro contén catro partes que constitúen os síntomas dunha erupción volcánica: Cinsa, Pedras, Lava e Rocha metamórfica. A cinsa, o corazón do libro, trata sobre o abandono, por parte dos poderes políticos, do noso mundo rural galego. É un canto á beleza que se extingue, e cántoa como valor de resistencia e supervivencia. Co noso mundo rural vaise unha cultura, e con ela a nosa lingua. Os e as poetas, que vemos e amamos a beleza e a vida, non podemos ollar para outro lado. Dándolle lugar en min a este mundo de algún modo fágoo revivir. Neste libro hai moitas elexías, declaracións de amor a seres que xa non están, pero hai tamén unha proclama rotundamente vital, libertaria, optimista e que loita sen descanso pola felicidade e o progreso humanos.

Que supón presentar en Brollón?

Esta presentación é un verdadeiro pracer poético para min porque neste acto non haberá só a presentación do meu libro, senón que estaremos xuntas tres xeracións poéticas de Brollón: o brindeiro Pepe de Forgas, unha marabilla da poesía de tradición oral, que estará acompañado á zanfona por Xosé Maceda; e ademais contaremos coa lectura poética dos nenos gañadores do concurso de poemas de Nadal, Sheila Leiras, Iago López e Joel Fernández. Unha xornada de Poesía Nosa para disfrutar.

Precisamente a casa da cultura da Pobra do Brollón leva o seu nome dende hai un tempo.

É unha honra que o meu nome represente a cultura no lugar no que nacín, obviamente. Nese meu nome en realidade hai moitos outros nomes de persoas que traballan decote polo progreso do pensamento e o avance da cultura, da escrita e da non escrita.

Como recorda o día do nomeamento?

Con moito agarimo, polo afecto de tódalas persoas que alí estaban acompañándome e pola valentía dunha corporación municipal de esquerdas que estaba a dar nome e voz, a través de min, á xuventude progresista de Galicia, a unha muller nova, a unha creadora do lugar, de familia humilde.

Nesa xornada houbo un momento especial no que recordou a catro veciños de Brollón.

Foi para min o momento máis especial, eu nomeei á corporación municipal do 36, en nome da memoria que proclama a verdade e a xustiza cos xustos asasinados e silenciados polo fascismo. Porque no meu nome tamén debía estar o deles.

Non é a primeira vez que ten un recoñecemento dos veciños xa leu o pregón das festas de Monforte.

Si, no 2008. Foi tamén un pracer e unha honra para min poder desexarlle aos veciños a ‘Ledicia de Lemos’.

Recuperando a súa faceta de poeta. Como foron os primeiros pasos nese eido?

Empecei a escribir de moi nena, cando xa sabía de memoria os poemas daqueles libros de texto dos meus irmáns e entón decidín escribilos eu para que non se me acabaran nunca… na fonte de Vilarmao, na casa, nos soutos e nos lameiros. Co natural pracer dun xogo necesario que xa non me ía abandonar. Porque a poesía ía comigo vendo a beleza do mundo e sentindo todo de todas as maneiras, como di o poeta Fernando Pessoa. Ir cara á poesía foime algo natural, como para o corvo ir beber a gota que calmará a súa sede; para min ser poeta foi simplemente ser eu.

Tiña dificultades para acceder á poesía?

Accedía á poesía cada mañá esperando o transporte escolar, uns minutos de escoita do grilo ou dun paxaro. Accedía a ela de forma natural, como supoño que fixeron tódolos poetas populares dos que non gardamos nome pero si memoria a través dos seus cantos. Á poesía profunda, para quen a sabe ver e quen a ama, accédese pola vida e non polos libros.

Como recorda a publicación do seu primeiro libro, A teta sobre o sol?

Como un proxecto editorial fermoso levado a cabo por poetas entusiasmados e xenerosos que me deron a posibilidade de amosar ao mundo aquel meu mundo, a miña ollada, a miña forma de respirar o osíxeno do amor, da vida, da beleza, da liberdade.

Vinculase a súa poesía o erotismo, como valora esa relación?

Na miña poesía hai unha profunda proclama erótica no senso en que eu celebro a plenitude da vida, e polo tanto tamén a do corpo e a dos sentidos todos. A felicidade dos seres é o que verdadeiramente importa, e ninguén é feliz se non é libre, e ninguén é libre se reprime o seu sentir. Eu canto ao erotismo como canto a terra, o pensamento, a lucidez, a rebeldía, os lugares e o amor, porque a poesía é a beleza múltiple e plural do mundo e nela cabe todo e nela cabemos todos e todas.

Combina a poesía coa docencia. Son mundos compatibles?

Por suposto. A poesía é compatible coa vida e sen ela non existe, polo tanto, con paixón e ledicia todo vai adiante. Ademais incluso a docencia me ten inspirado algún poema de agradecemento ao meu alumnado. O profesor tamén debe aprender dos seus alumnos e alumnas. Como dicía o poeta lugués Luis Pimentel: «o poeta é un mestre sin ira».

Cales son os seus plans de futuro no mundo da literatura?

Van sempre da man da miña vida: a procura dunha existencia plena no ético, no estético e no emocional. Poesía Amor e Liberdade. Facer feliz a quen me fai feliz e ir facendo con calma pero sen pausa o lento traballo pacífico do progreso do pensamento. Para que a utopía teña o seu lugar neste mundo, hai que seguir soñando e proclamar o soño: ese é o deber dun poeta.

DE PRETO
«Síntome guímara, sei que son de todas as partes»

Que recordos ten de Vilarmao?

Este 2012, no que decidín coller un ano sabático para rematar algúns proxectos literarios e de investigación, estou a vivir en Vilarmao, co cal pode dicirse que os recordos da infancia e a adolescencia se mesturan co día a día, feliz de espertar cos paxaros e coa xeada que cobre os lameiros; feliz de ter aos meus pais tan preto de min, exultante de plenitude ao concordar o soño coa realidade, vivindo no lugar que quero, e a carón de quen quero, meu mellor amigo, facer cabanas, escaparme á fonte soa para escribir sonetiños; a paixón de aprender na escola; ler a Kafka coa miña irmá mentres gardabamos as vacas; o recendo do pan saíndo do forno; os poemas que me recitaba miña mai cando eu tiña tres anos... as mans do meu pai volvendo do frío.

Que nota de falta cando está fóra?

Cando estou fóra disfruto de estar fóra. Un sempre leva o seu lugar canda un, e creo que é moi positivo coñecer outras culturas e saír dun mesmo. Eu son universalista, a apertura non está reñida co enraizamento, máis ben aliméntanse. Precisamente porque me sinto guímara, sei que son de todas partes.

Comentarios