Olga Castro: "Na mudanza da RAG o xogo das cadeiras é fundamental"

A xornalista e tradutora vén de ser elixida correspondente da Real Academia Galega mentres dá aulas e investiga en Birmingham
Olga Castro, nunha praia do norte de Gales
photo_camera Olga Castro, nunha praia do norte de Gales

Acaba de ser elixida nova membro correspondente da Real Academia Galega. Como lle senta ese nomeamento?
O nomeamento de sete novas e novos correspondentes é un recoñecemento ao traballo que diferentes académicas estamos a facer a prol dos estudos galegos desde fóra de Galiza; e iso sempre senta ben. Tamén implica unha responsibilidade para continuar con este compromiso pola cultura galega.

Cre que falta unha maior visibilidade da muller nesta institución?
Vivimos nun mundo patriarcal, e en xeral falta visibilidade das mulleres en todos os eidos da sociedade. Até hai uns anos, a RAG era unha institución excluínte coas mulleres. Mais nos últimos anos vimos asistindo a unha mudanza, coa incorporación de novas membras correspondentes e tamén membras de pleno. Aínda así, só hai seis académicas ocupando as trinta cadeiras no pleno, ás que en breve se unirá Chus Pato. Nesta mudanza é crucial o traballo feito polas compañeiras do Xogo das Cadeiras desde o 2011.

E unha renovación de conceptos, en xeral?
A renovación de conceptos estase a dar, malia que de forma paseniña, nestes momentos. É a esa renovación á que ansío poder contribuír.

Estudou xornalismo e tradución. Onde atopou as mellores satisfaccións?
En canto ás profesións, tanto o xornalismo como a tradución permitíronme desenvolver a miña vocación de comunicar, sendo consciente de que o xeito en que se expresen na lingua uns ou outros significados ten consecuencias a nivel político e social. Ora ben, nos dous casos traballei con tanta paixón como precariedade. Así que é no meu traballo actual de docencia e investigación universitaria onde levo atopado as maiores satisfaccións.

A profesión de xornalismo parece seguir a estar dominada polos homes, a pesar de que as facultades e as redaccións están cheas de mulleres, non?
Case todas as profesións, mesmo aquelas feminizadas como o xornalismo ou a tradución, están dominadas por homes. Por sorte, séculos de loita feminista van mudando esta situación; antes nin sequera había mulleres nas facultades nin nas redaccións.

"Non emigrei por gusto, senón por necesidade; concursei tamén en Galiza"


Como foi o seu periplo ata chegar a universidade de Aston (Birmingham)?
Logo de doutorarme en Vigo no ano 2010, fixen una entrevista para a universidade de Exeter e conseguín unha praza dun ano. Estando alí, saíu unha praza fixa na Aston University cun perfil moi atractivo que eu cumpría. Pedín o traballo, fixen a entrevista e conseguino. Nos dous casos gañei as prazas sen coñecer a ninguén. A universidade británica ten moitos defectos, pero algo bo é que cando saen prazas, danse en función das necesidades do departamento e do que ti poidas ofrecer. Digo isto, porque non emigrei por gusto, senón por necesidade. Concursei tamén a prazas en universidades galegas, e a experiencia foi desmotivadora porque os criterios de baremación estaban feitos a medida de antemán.

Por que elixiu esta institución?
Unha das cousas que me atraía deste posto é a reputación tan boa que ten o Departamento de Tradución de Aston en toda Europa, e a oportunidade de traballar con algunhas das académicas de maior renome na disciplina.

En que consiste o seu labor alí?
Dedícome á investigación e docencia universitaria na área dos Estudos de Tradución. Amais de impartir aulas, investigo sobre dous temas relacionados con cuestións de hexemonía, poder e ideoloxía: os enfoques feministas sobre a tradución, e as dinámicas de tradución nos contextos culturais minorizados, como o galego ou galés. Iso implica difundir o meu traballo (e a cultura galega!) en congresos polo mundo enteiro, publicar libros e en revistas académicas.

Como é a percepción do idioma galego fóra?
A miña experiencia é que o galego se percibe no Reino Unido co mesmo respecto ca calquera outra lingua. Até o seu peche hai dous anos, había Leitorado de Estudos Galegos en Birmingham, e sempre había alumnado desexoso de achegarse á nosa música, gastronomía, etnografía... aprendendo para iso a lingua propia. Porén, resultáballes moi frustrante iren a Galiza para practicar o idioma e que, por seren estranxeiras, moita xente lles falase en castelán. Non o entendían.

Cal e o camiño aquí, dentro, para seguir a manter a lingua viva?
Usala. O que é moi triste e indignante é ver como día a día, de maneira nada inocente, se están a limitar máis os espazos de uso do galego. Existe un menosprezo da nosa lingua que só se pode reverter coa súa posta en valor. E para iso, só cómpre usala.

Que bota de menos de vivir en Galicia?
O mar. Malia vivir nunha illa, Birmingham é o punto máis afastado do mar, así que cando podo, escapo ao norte de Gales para pasear polas praias de cantos rodados. Tamén boto de menos as persoas que quero e que viven aí.

Aproveita o verán para facer algunha escapada á súa terra?
Aproveito calquera ocasión! Entre lecer e traballo, adoito ir a Galiza unhas cinco ou seis veces ao ano. Pero é no verán cando máis presta estar en Cervo e gozar das praias da Mariña.

Comentarios