Ofender a España

Manifestación contra a lei de seguridade
photo_camera Manifestación contra a lei de seguridade

ANDAMOS INMERSOS NAS derradeiras semanas do ano nas cada vez máis pechadas diatribas acerca do que se deu en chamar o ‘reto soberanista’ da Generalitat, a cuestión do dereito a decidir e da posíbel independencia de Cataluña. A nivel literario e ensaístico todo o proceso está a dar lugar a montes e moreas de libros dun e doutro signo, entre os que hai que remexer ben e separar o gran da palla. Hai proxectos que levan en marcha moito tempo e que, casualmente ou non, agroman agora para poñer matices a un debate burdo en ocasións. Tan burdo que o Ministerio do Interior se sumou a el de maneira paquidérmica, modificando o Código Penal para que ‘ofender a España’ sexa un delicto. Así pois, para despedir o ano e en previsión de que en 2014 me poidan multar por escribir o que penso, imos reseñar un ensaio histórico e, de paso, ofender a España un anaco. Se andan sensibeis, poden pasar ás páxinas de deportes.

Hai uns meses vén de tirar do prelo a editorial Galaxia Gutenberg a obra colectiva ‘Historia de la nación y del nacionalismo español’, dirixida polos profesores Antonio Morales, Juan Pablo Fusi e Andrés de Blas. Trátase dun enorme tomo (mil cinconcentas páxinas), algo que é imprescindíbel dado o tema a tratar, que non é outro que a idea de España ao longo dos séculos.

Non lles chamou a atención nada do título da obra? Relean, agardo. Xa están de volta, supoño. ‘Nacionalismo español’. Si, señores, existe tal cousa. De feito, non existe un só nacionalismo español, como os diversos profesores se encargan de demostrar con pluma sagaz, senón diversos, entre os que cabe destacar pola súa vixencia o que se denomina na obra perennialista, isto é, aquel que afonda nas presuntas raíces da nación española, que case que poden resumirse na divisa ‘Dios, Patria y Rey’ mesturada coas ‘esencias’ de España. E unha cantidade inxente das diatribas que se dirixen á cerrazón do nacionalismo catalán non proveñen dun universalismo ou un humanismo senón deste nacionalismo perenne, tan oscurantista como o catalán, ao que cabe asignar expresións do tipo ‘se rompe España’.

'Historia de la nación y del nacionalismo español', de VV.AA. A historia de España non está de moda. De feito, como ten demostrado David Viñas Piquer, en moitas ocasións a novela histórica actúa de substitutivo dos coñecementos da ciencia de Herodoto, co perigo que aporta á ecuación o elemento da ficción. Conseguir a miña obra de referencia na materia, a coordinada polo exiliado Manuel Tuñón de Lara, non foi cousa sinxela. Agora mesmo a única historia monumental é a coordinada polo mestre Fontana, pero non se atopa con facilidade tampouco nas librarías. En canto a compendios, é paradoxal que o máis completo e sinxelo de atopar sexa o do franquista Ricardo de la Cierva, cuxa perspectiva científica podo atreverme a poñer en solfa.

A obra que coordinan Morales, Fusi e de Blas analiza polo miúdo, coa enorme rigurosidade que se supón a unha obra de carácter académico, a traxectoria histórica da nación española e a traxectoria ideolóxica do nacionalismo español. Para realizar tal hercúlea tarefa faise preciso un traballo transversal: mitoloxía, historia, historia da literatura, política, filosofía, educación... E malia todo quedan flancos descubertos. Por exemplo, dada a importancia do catolicismo ultraconservador (por non dicir ultramontano, que non sempre o foi) na configuración da idea de España, bótase a faltar un longo artículo diacrónico que recolla moitos elementos dispersados noutras pezas.

As obras académicas non levan subtítulo porén esta debería levalo. Propoño, por exemplo, ‘Relato de una impotencia’. E aquí vén a prometida ofensa a España. Das fecundas páxinas sae un aroma a fracaso e oportunidade desaproveitada: unha España que non foi quen de fornecer os seus cidadáns dos logros suficientes para que se sentisen orgullo de pertenza. Nin todo o xenio de Menéndez Pelayo puido rescatar unha soa aportación de interese da ciencia española. O Imperio non foi máis cruel có Británico ou o de Leopoldo no Congo Belga, pero deixou un considerábel rastro de ignominia. As liberdades públicas foron rexeitadas a berros de ‘Vivan las cadenas, viva la opresión, viva el rey Fernando, muera la nación’. E a nosa idade de prata, na que prometían agromar os froitos da rexeneración e do espírito crítico en converxencia (por fin) co resto do mundo occidental, foi amputada polo franquismo, que engadía á divisa anteriormente citada o poder das armas.

E do mesmo xeito que non levan subtítulo, as obras de Historia non deben levar intención ou prexuízo. Nunca deixaremos de lado os que historiamos, dunha ou doutra manera, a Tucídides. A autoría colectiva e o rigor científico amosado por todos os autores (cuxo número se achega aos cincuenta) garanten unha obra de enorme calidade que será difícil de igualar a curto prazo.

O feito de que a nación española non sexa algo do que sentirse orgulloso non implica que non se podan escribir magníficos libros sobre ela. Ata eu mesmo aspiro a ofender a España e escribir ao mesmo tempo un artículo de opinión (que outra cousa non pretendo) de certa calidade.

En realidade, tiña que estar premiado ofender a calquera país, non só a este no que vivimos. Poucas cousas hai no eido literario máis divertidas ca sátira política. Claro que para divertirse ríndose dun país é preciso ter sentido do humor. Agardo que o vindeiro ano 2014 lle traia algo diso aos señores ministros de Interior e de (In)Xustiza. E aos demais, a todos vostedes, ademais de risas e sentido do humor, felicidade. Cada un saberá como conseguir a súa.

Historia de la nación y del nacionalismo español. VV.AA. Galaxia Gutenberg. 1.536 páxinas.

Comentarios