As tarifas hoteleiras sufriron un lixeiro aumento con respecto ao verán pasado

A ocupación hoteleira chegou ao 100% este mes e ao 90% en xullo

Os hostaleiros manexan unhas boas previsións para setembro, con reservas ata a segunda quincena e nalgúns casos co 80% reservado ►O sector coincide en sinalar que este verán foi mellor co pasado e que a cifra de visitantes aumentou a pesar de que o tempo fora peor
Rúa de Viveiro, ateigada de xente
photo_camera Rúa de Viveiro, ateigada de xente

Os milleiros de visitantes que durante este verán pasaron pola comarca da Mariña deixaron moi boas sensacións no sector hosteleiro. Os profesionais coinciden en sinalar que a ocupación foi superior á do ano pasado co 100% neste mes e con ata o 90% en xullo. Pero estas cifras non só se dan no verán, senón que prevén un moi bo mes de setembro con reservas ata a segunda quincena e nalgúns casos xa coas prazas cubertas nun 80%.

No hotel focense Isla Nova Iria Gómez, de recepción, sinala que durante o mes de xullo estiveron "ao 100% todos os días, e en agosto estamos cheos ata esta fin de semana e logo baixamos un pouco a ocupación". No hotel viveirense Urban, Alejandro Balseiro, recalca que a ocupación este verán foi "bastante boa". "Estivemos rozando o 100% en agosto no Urban e no noso outro hotel a ocupación foi igual que o ano pasado".

Noutras localidades como Burela e Ribadeo os xerentes do Palacio de Cristal e de O Cabazo tamén confirman as excelentes cifras de ocupación para xullo e agosto, e sinalan que o tempo revolto deste verán non influiu no número de visitantes.

María Jesús Rivas, do Palacio de Cristal burelés sinala que o tempo non condicionara as reservas posto que "a xente que ven non busca sol e praia, senón turismo gastronómico, practicar sendeirismo ou descansar sen a presión da calor. Algunha cancelación puidor haber, pero non acostuma pasar". Da mesma opinión era Juan Francisco López, do Cabazo de Ribadeo, quen sinalaba que "sempre hai reservas que se cancelan, pero este ano non foron máis que o ano pasado. O que puido pasar é que xente que viñera con nenos se retrasara un día, pero nada máis".

Tamén, apuntaron dende os hoteis, que se deron casos ao contrario, onde os visitantes que estaban pola comarca se decidiron a facer reservas e aproveitar o tempo nubrado para pasar máis tempo en lugares onde só tiñan pensado estar uns días de paso.

En canto á duración das estancias nos hoteis mariñanos, os hoteleiros apuntan que se deron os típicos casos de veraneantes que seguen pasando o mes completo nesta zona e, por outra banda, aqueles turistas que fan reservas por menos tempo nos hoteis.

Neste aspecto, dende o hotel O Cabazo apuntaban que este ano tiveron "máis reservas de dous ou tres días. Parécenos que como hai unha oferta tan grande de hoteis, a xente prefire cambiar de establecemento en vez de estar tanto tempo no coche". Dende o Palacio de Cristal, non apreciaban esta situación, mais atribueno á localización de Burela na comarca, sinalando que a súa centralidade non fai necesario que os turistas teñan que facer traxectos moi longos para visitar a comarca: "Burela é moi céntrico, e estamos a media hora de Viveiro, 45 minutos de Ribadeo e a hora e media de Lugo, e a xente vai e ven no mesmo día".

A celebración de determinados eventos e festas nas vilas da comarca tamén axudan a que os hoteis colguen o cartel de completo en determinadas datas.

Esto tamén inflúe nas reservas que xa hai para setembro. Por exemplo, no hotel Isla Nova de Foz, Iria Gómez sinalan que "o fin de semana da Festa Normanda imos estar cheos" e en Ribadeo no hotel O Cabazo tamén apuntan a que para setembro tiñan fins de semana completos, por exemplo polas festas.

Nos hoteis tamén sinalan que cada vez hai máis xente que decide irse de vacacións no mes de setembro co fin de non atoparse menos xente nos lugares máis turísticos. Esta realidade é xa unha tendencia no turismo nacional e no internacional.

Dende o hotel Urban de Viveiro, Alejandro Balseiro apunta que cada vez máis os visitantes estranxeiros visitan a comarca fóra dos meses centrais do verán, axudando a desestacionalizar o turismo. Outra das causas deste incremento é o prezo máis ecómico das reservas ,que fai que cada vez máis visitantes veñan nesas datas á comarca.

Comentarios