Oculta bóveda?

NON FOMOS nen os primeiros, nen os únicos, que lembramos o comezo da sonada novela de Gonzalo Torrente Ballester ‘La saga/fuga de JB’ ao ler a nova da desaparición do Códice Calixtino da Catedral de Santiago de Compostela: «Veciños, veciños, roubaron o corpo santo...!». A tanto non chegaron, pero tampouco andaron moi lonxe, ainda que Santiago non sexa Castroforte. Pero, a seguir, a importante substracción foi o detonante de outras lembranzas, situadas no ámbito do Pazo do Hórreo: a recorrente discusión en ducias de iniciativas sobre os frecuentes roubos no patrimonio relixioso, particularmente no mundo rural, feito continuamente negado ou amingoado até niveis anecdóticos, por parte dun alto cargo máis preocupado pola defensa do seu propio estatus que polos tesouros relixiosos, persoa por certo bastante obtusa e cunha notable tendencia á insolencia, por cuxa razón vimonos obrigados algunha vez a calificalo como ‘frecha’. Realmente, o que se solicitou en ducias de ocasións era a confección dun catálogo, como paso importante para intervir do ponto de vista policial no vizoso mercado das antigüidades. Mesmo se suxería a creación de bolsas con ese destino, como forma prática de iniciar a tarefa. Pois nen daquela, nen despois.

Claro que isto é bastante máis serio e importante. Na actualidade é certo que existían algunhas medidas de seguridade, claramente insuficientes como quedou demostrado, pero non hai tanto tempo as cautelas que se tomaban eran puramente pintorescas, tanto como as aproximacións feitas por algúns medios de comunicación como foi o caso da Televisión de Galicia que sacou á palestra un roubo cometido a comezos do pasado século, que segue sen esclarecer desde 1906, ou sexa un xeito moi relevante de contextualizar un feito tan grave coma este, nun tempo que nada ten que ver con aquel.

O certo é que ainda se está agardando algunha explicación, inculpatoria ou exculpatoria, por parte dos encargados da custodia do documento que, naturalmente, hai que ubicar no seo da Igrexa católica. Esta mesma institución esgrime sempre o argumento da riqueza dun patrimonio que é de todos, a efectos de contar coa axuda das administracións para a sua conservación, pero que se converte en pura bouba a calquer outro efecto. «A Igrexa non perde nen un euro», afirmou hai un ano o estricado monseñor Martínez Camino, e debe ser certo, pero resulta que extravía o ‘Liber Sancti Iacobi’ e que ten unha boa parte do seu patrimonio nun lamentable estado de conservación, sen a máis mínima mostra para que, mediante cesión, poida ser utilizado e rehabilitado.

Ao Códice Calixtino non lle é de aplicación aquel anónimo que cita Castelao: «Oh, Santo Apóstol que discretos fueron/los que en oculta bóveda os metieron».

Comentarios